O festival das Linguas de Vilaxoán tamén incorpora a Laura Lamontagne & Picoamperio, Talco, Moscow Death Brigade, e Suu, que se suman aos xa anunciados Baiuca, Dubioza Kolektiv, SFDK, Zoo, Ladilla Rusa e Lendakaris Muertos
Os abonos están a venda en www.revenidas.com
Tanxugueiras e La Pegatina tamén formarán parte do cartel do Revenidas 2022. O trío de pandereteiras, que xa actuou en Vilaxoán na edición de 2021, repite cita e inclúe Revenidas no marco da xira que este ano as levará por algúns dos principais festivais do Estado. Tanxugueiras, que daquelas xa terá na rúa o seu novo disco, presentará en directo un show totalmente diferente ao que se puido ver o pasado ano, centrado xa na súa proposta de mestura de música tradicional con sons electrónicos e urbanos.
Outro tanto acontece con La Pegatina, que tamén teñen pasado noutras ocasións polo escenario do Revenidas. Nesta primavera publicarán novo disco, o décimo na súa traxectoria, con importantes colaboracións internacionais. A xira dos cataláns promete ser unha das máis intensas e festivas deste ano.
Ademais de Tanxugueiras e La Pegatina, tamén se suman ao cartel do Revenidas 2022 Laura Lamontagne & Picoamperio, quen tamén estiveron na pasada edición. Pero ao igual que os grupos anteriores tamén o dúo galego chega a este Revenidas con novidades moi importantes. Entre elas, a publicación de un novo disco, que xa se avanza como un dos grandes lanzamentos da música galega deste ano.
Outros vellos coñecidos do festival, os italiano Talco, tamén se incorporan a oferta musical do Revenidas. Se na pasada edición se presentaron como Talco Maskerade, o proxecto que crearon a raíz do confinamento, o seu álter ego máis íntimo, no que experimentaban en acústico coa súa vertente máis folk, nesta ocasión volven na súa versión orixinal, con toda a electricidade, enerxía e compromiso da súa proposta de ska e punk combativo.
Dende Rusia chegan Moscow Death Brigade, creadores dun son propio coñecido como “Circle Pit Hip- Hop”: unha mestura única e agresiva de música electrónica, punk hardcore e rap, impregnada de grafiti e cultura de rúa e cunha mensaxe social e solidaria contra a guerra, o racismo e outros tipos de discriminación. O trío moscovita chaga a Vilaxoán para presentar o seu último disco “Bad Accent Anthems”.
Este avance de novas incorporacións do Revenidas péchase coa presenza de Suu. En só dous anos, a xove cantautora converteuse nunha das artistas catalás máis seguidas e escoitadas da actualidade. Tras un trepidante 2020, na que publicou o seu disco “Ventura”, producido polo músico Carlos Sadness, Suu emprende este 2022 con máis forza que nunca, cultivando máis de 250 mil oíntes mensuais en Spotify e acumulando case 130 mil seguidores en Youtube e Instagram.
OUTROS GRUPOS CONFIRMADOS
Laura Lamontagne & Picoamperio, Talco, Moscow Death Brigade, e Suu súmanse aos grupos do cartel do Revenidas 2022 que xa foran anunciados previamente, como Baiuca, Dubioza Kolektiv, SFDK, Ladilla Rusa, Lendakaris Muertos e Zoo.
Nos vindeiros meses o Revenidas irá dando a coñecer o resto dos nomes e das actividades que conformarán o festival no 2022. Ao resto das bandas iranse sumando tamén o programa de actos paralelos que se desenvolverán en Vilaxoán, o festival de circo, as xornadas e actividades de cultura mariñeira, os concertos a bordo e un longo etcétera.
ENTRADAS
A venda de abonos para o festival Revenidas 2022 poderán adquirirse dende a web (www.revenidas.com) ou dende as redes sociais do festival a un prezo de 46 euros (máis gastos de xestión).
Tamén se ofrece a posibilidade de reservar espazo na zona de acampada e de facer unha carga previa da pulseira cashless.
As persoas que dispoñan do Carne Xove da Xunta de Galicia poderán mercar o abono cun 15% de desconto, utilizando o código CARNEXOVEFESTIVAL na tiqueteira dixital. Despois deberán presentar o Carné Xove na entrada do festival.