Vilaxoán

Vilaxoán e Revenidas

Vilaxoán forma parta do Revenidas moito máis alá do feito de ser o espazo xeográfico que acolle o festival. Vilaxoán está na propia esencia do Revenidas ata o punto de que este festival non se podería entender en ningún outro lugar.

O festival Revenidas naceu a partir dunha festa popular que se celebraba na vila mariñeira de Vilaxoán, na que os veciños compartían e degustaban un dos froitos máis cobizados do seu traballo: as sardiñas asadas, que neste lugar chámanse, precisamente, revenidas. De aí toma o nome o festival.

Vilaxoán é una pequena vila de carácter eminentemente mariñeiro, pertencente ao municipio de Vilagarcía de Arousa. A súa historia está ligada aos empresarios cataláns, que se asentaron na zona no século XIX, introducindo industrias como a salgazón, e novas artes de pesca.

Chegou a ser un concello independente ata que en 1913 asinou a súa adhesión, xunto co Carril, a Vilagarcía. A súa actividade económica está fundamentalmente vinculada ao mar, tanto ao marisqueo como a pesca extractiva e a miticultura. De feito foi en Vilaxoán onde se instalou, en 1945, a primeira batea da ría de Arousa.

A súa principal xoia arquitectónica e monumental é a igrexa de San Martín de Sobrán, de arquitectura románica e considerada unha das igrexas deste tipo máis belas de Galicia. Pertenceu a un mosteiro que xa existía no século X, aínda que o actual templo foi levantado no século XII. No interior do templo consérvase a estatua de Juan Mariño Sotomayor. Anexo á igrexa érguese o pazo de Sobrán, con dúas sobrias torres de orixe medieval.

Entre os seus máis destacados atractivos, Vilaxoán conta con varias praias no seu litoral. A máis importante, ubicada no propio casco urbano, é a do Preguntoiro, estendida ao longo dun pequeno paseo cunhas características balaustradas brancas. Moi preto atópase outro espazo de lecer, o parque de dona Concha, que xunto coa praza Rafael Pazos (O Campo), conforman o epicentro da actividade social da vila. En torno a estes espazos e ao paseo do Preguntoiro reúnese a meirande parte da oferta hosteleira e de restauración de Vilaxoán.