O festival Revenidas avanza parte do seu cartel para 2022, que contará con Baiuca, Dubioza Kolektiv, SFDK, Zoo, Ladilla Rusa e Lendakaris Muertos

Celebrarase en Vilaxoán do 7 ao 11 de setembro. Os organizadores agardan que poida ser un festival “normalizado” e recuperar a sardiñada popular

As primeiras entradas sairán a venda ás 12 h do xoves 23 de decembro

Aínda que nin sequera a pandemia foi quen de calar ao Revenidas –non se deixou de celebrar ningunha edición, aínda que fosen nun formato adaptado ás restricións-, o festival de Vilaxoán agarda que a de 2022 poida ser a edición da “normalización” e que as condicións sanitarias permitan celebrar o Revenidas na súa integridade, incluíndo a acampada e a tradicional sardiñada popular.

Baixo esa premisa, os organizadores do Revenidas presentan un avance do cartel do festival de 2022 que, como é norma da casa, inclúe destacadas figuras da escena galega, estatal e internacional. Baiuca, Dubioza Kolektiv, SFDK, Ladilla Rusa, Lendakaris Muertos e Zoo conforman este primeiro avance do que será a 19ª edición do festival Revenidas.

Un cartel heteroxéneo  que se combina a mestura de electrónica e música tradicional galega que levou a Baiuca a converterse nun dos nomes máis destacados da escena musical española de 2021; a festiva e delirante fusión de hip- hop, reggae, dub, rock e folclore de Bosnia que propón Dubioza Kolektiv; a presenza dunha das grandes referencias do rap español, con máis de 25 anos de traxectoria, como son SFDK; o desenfado en clave de electropop de Ladilla Rusa; o punk gamberro e fortemente comprometido de Lendakaris Muertos; ou a combinación de rap sobre beats electrónicos bailable e ritmos mediterráneos que caracteriza aos valencianos Zoo, protagonista do que seguramente foi o concerto máis intenso e celebrado do Revenidas 2021.

Un avance de cartel que, sen distanciarse un centímetro da esencia e da filosofía de Revenidas, aposta pola heteroxeneidade e pola novidade. No en balde, para catro do seis grupos que conforman este avance (Baiuca, Dubioza Kolektiv, SFDK e Ladilla Rusa) esta será a súa primeira visita a Vilaxoán.

Nos vindeiros meses o Revenidas irá dando a coñecer o resto dos nomes e das actividades que conformarán o festival no 2022. Ao resto das bandas iranse sumando tamén o programa de actos paralelos que se desenvolverán en Vilaxoán, o festival de circo, as xornadas e actividades de cultura mariñeira, os concertos a bordo e un longo etcétera.

ENTRADAS

A venda de entradas para o festival Revenidas 2022 abrirase ás 12.00 horas do xoves 23 de decembro, para posibilitar deste xeito mercalas como agasallo de Nadal, tal e como nos solicitaron numerosos seareiros do festival.

Os 100 primeiras abonos venderanse a un prezo de 35 euros. Os 400 seguintes terán un custe de 40 euros.

As entradas poderán adquirirse dende a web (www.revenidas.com) ou dende as redes sociais do festival.

As persoas que dispoñan do Bono Cultura poderán utilizalo e mercar as entradas cun 50% de desconto no punto de venda físico.