O festival de Vilaxoán completará en breve a súa edición máis ambiciosa con novas bandas, concertos a bordo, a gala solidaria de circo, roteiros e teatro
O Revenidas recupera a sardiñada popular o domingo 11 de setembro
Os abonos e as entradas por días están a venda en www.revenidas.com
Máis de 20 grupos conforman xa o cartel da edición máis ambiciosa do festival Revenidas de Vilaxoán. Aos xa anunciados con anterioridade Tanxugueiras, Baiuca, La Pegatina, Zoo, Dubioza Kolektiv, SFDK, Ladilla Rusa, Lendakaris Muertos, Laura Lamontagne & Picoamperio, Talco, Moscow Death Brigade e Suu súmanse agora nomes como Boyanka Kostova, Boikot, Gatibu, Ketekalles, A Banda da Loba, SonDaRúa ou as gañadoras do concurso Sonidos Mans, Braztantifa.
O festival prolongarase durante cinco xornadas, dende o mércores 7 ao domingo 11 de setembro.
MÉRCORES 7
A xornada de apertura estará protagonizada por Boyanka Kostova. Se xa o ano pasado o dúo formado por Saibran Yiyi e Chicho do Funk puxeron patas arriba (ou, mellor dito, mans arriba) o Revenidas, este ano chegan dispostos a darlle a volta por completo á cabeza do persoal. Porque ademais non chegan sós, senón que traen reforzos. Boyanka Kostova queren celebrar no Revenidas a festa máis grande vivida nunca. E por iso convidan a este concerto único a grupos e artistas como Dios Ke te Crew, Pili Pampín e un bo feixe máis de amigos.
XOVES 8
Na súa segunda xornada, o Revenidas recibe a una das bandas máis festivas do Estado, La Pegatina, que ademis chegan con novo disco debaixo do brazo e cun novo espectáculo cargado de visuais, confeti e ritmos bailables. Tamén estarán o xoves en Vilaxoán Suu e Laura Lamontagne & Picoamperio. E entre as novidades que agora se anuncian para esa data están Ketekalles, cuarteto de mulleres poderosas que fusionan, sen nengún tipo de complexos, estilos urbanos con rumba, funk, hip hop, soul, rock, ritmos latinos e mesmo trap; toda unha referencia do punk rock estatal dende hai tres décadas, como son Boikot; e o cuarteto vizcaíno de rock poderoso, Gatibu, que este ano están a celebrar o seu 20 aniversario na escena musical.
VENRES 9
Na súa terceira xornada o Revenidas acolle a unha lenda do hip hop español, como é o caso dos sevillanos SFDK, que contan con case tres décadas de traxectoria as súas costas. Tamén subirán ese día ao escenario do festival de Vilaxoán a banda navarra de punk Lendakaris Muertos, o dúo moscovita combativo, solidarios e activista, Moscow Death Brigade; e a banda italiana de ska-punk; Talco. Súmanse agora ao cartel do venres dúas bandas galegas, SonDaRúa e o dúo feminino Braztantifa, gañadoras do concurso Sonidos Mans 2022.
SÁBADO 10
Para a súa cuarta xornada o Revenidas convoca aos dous nomes propios que máis están a difundir a música galega de raíz, pertinentemente contemporaneizada, fóra das nosas fronteiras: Tanxugueiras e Baiuca. Ese día o Revenidas acollerá ademais a tres bandas estreitamente vinculadas co festival de Vilaxoán, como é o caso dos valenciáns Zoo, dos bosnios Dubioza Kolektiv e do grupo do Val Miñor, Dakidarría, así como aos sempre divertidos e desenfadados Ladilla Rusa. O Revenidas completa o cartel do sábado coa incorporación de A Banda da Loba, que repiten en Vilaxoán, neste caso para presentar en directo un novo espectáculo baseado no seu último disco, Xabón Lagarta.
LA DUENDENETA
Ademais destes concertos e dalgúns artistas e grupos que será anunciados en próximas datas, o Revenidas contará o xoves, o venres e o sábado con sesións da Duendeneta. A discoteca móbil vintage máis famosa de Galicia conmemora neste 2022 o seu décimo aniversario. E que mellor que celebralo nun festival ao que leva asociada case desde os seus comezos. Con Carlos Crespo e Kris K Dj aos mandos, La Duendeneta ofrecerá varias sesións en distintos horarios nas que a música en galego e a música feita por mulleres serán protagonistas.
SARDIÑADA E OUTRAS ACTIVIDADES
Tras dous anos nos que as limitacións impostas pola pandemia impediron a súa celebración, o Revenidas recupera este ano o evento que no seu día deu orixe ao festival: a sardiñada popular. Celebrarase o domingo 11 no parque de Dona Concha e, por suposto, estará aberta ao público en xeral.
Nesa mesma xornada tamén se celebrarán varios concertos e actuacións musicais, aínda pendentes de anunciar, que serán de balde e con entrada libre.
A programación do Revenidas 2022 completarase con actividades que xa son tradición no festival de Vilaxoán, como son os concertos a bordo, a gala solidaria de circo, os roteiros pola vila e función teatrais. O contido e os protagonistas destas actividades serán dadas a coñecer en datas vindeiras.
ABONOS E ENTRADAS POR DÍA
A venda de abonos para o festival Revenidas 2022 poden adquirirse dende a web (www.revenidas.com) ou dende as redes sociais do festival a un prezo de 46 euros (máis gastos de xestión).
A partir de hoxe tamén se poñen a venda, dende a mesma páxina web, as entradas por días.
Dende www.revenidas.com Tamén se ofrece a posibilidade de reservar espazo na zona de acampada e mesmo de facer unha carga previa da pulseira cashless.
As persoas que dispoñan do Carne Xove da Xunta de Galicia poderán mercar o abono cun 15% de desconto, utilizando o código CARNEXOVEFESTIVAL na tiqueteira dixital. Despois deberán presentar o Carné Xove na entrada do festival.