Sara Hebe, Fillas de Cassandra e Me Fritos and The Gimme Cheetos tamén estarán no festival que se celebrará en Vilaxoán do 7 ao 10 de setembro
Os abonos están á venda na web www.revenidas.com a un prezo de 54 euros (+gastos de xestión)
Fiel a súa esencia, o festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, presenta un primeiro avance do seu cartel do festival que inclúe destacadas figuras da escena musical galega, estatal e internacional.
Ska-P, Zoo, Sara Hebe, Fillas de Cassandra e The Fritos and The Gimme Cheetos conforman este primeiro avance do que será a 20ª edición do Revenidas.
SKA-P
A presenza da comprometida e combativa a banda vallecana de ska-punk será un dos grandes atractivos do Revenidas 2023. Non en van Ska-P ofrecerán en Vilaxoán o seu único concerto en Galicia este ano. Ademais, a banda, fundada en 1994, xa anunciou que ao remate desta xira fara un parón “por un tempo indefinido”, polo quen sabe se non será esta a derradeira vez que se poida escoitar a Ska-P en directo.
ZOO
Vai chegar un momento no que o Revenidas non sen entenda sen Zoo e no que tampouco será doado entender a Zoo sen a súa conexión galega co Revenidas. Os valencianos repiten nesta edición tralo apoteósico concerto que ofreceron no 2022. Zoo arrancan o 2023 tras acadar o fito de encher o Wizink Center de Madrid cantando en valenciano, así como Palau Saint Jordi de Barcelona, en decembro do pasado ano. O sexteto de Gandía) leva xa moitos anos defendendo un dos mellores directos que se poden escoitar en España. Cunha febril e excitante combinación de rap e música electrónica, pero tamén con achegas dos ritmos latinos e mesmo mediterráneos. E sempre cunha letras cargadas dun forte contido social e político.
SARA HEBE
Poucas mulleres representan dun xeito tan explícito e festivo o seu compromiso social e feminista enriba dun escenario como Sara Hebe. A cantante e compositora arxentina é unha das principais referentes do rap e da música urbana en Latinoamérica. Iniciou a súa carreira da man do hip hop, a cumbia e o dancehall, pero nunca deixou de cruzar xéneros como o funk, o reggaetón, o punk rock e ata o drum & bass. Sara Hebe chegará ao Revenidas para presentar por oprimeria vez en Galicia o seu más recente disco, «Sucia estrella».
FILLAS DE CASSANDRA
Todo apunta a que van ser as grandes revelacións da música galega en 2023. Xa no 2022, e tan só con un par de sinxelos, chamaron poderosamente a atención da crítica e da escena musical. O dúo formado por Sara Faro e María Soa publicará a finais de febreiro o seu primeiro disco, e todo indica que vai ser un acontecemento. Na súa proposta conflúen elementos da tradición musical galega, da clásica e da electrónica, arroupada no literario por revisións da mitoloxía grega, tamén cunha forte carga feminista.
ME FRITOS AND THE GIMME CHEETOS
Esta banda asturiana fundouse no 2016 á imaxe e semellanza da banda americana Me first and the Gimme Gimmes. «Pero á española˝, din eles. Amantes da festa, buscan darlle unha volta a cancións que todos o mundo coñece (dende Camela ou Isabel Pantoja a Quevedo ou Rosalía) para adaptalas a un estilo punk-rock melódico, acelerado e festeiro.
ENTRADAS
Os abonos para o Revenidas xa están a venda a través da web www.revenidas.com. O prezo actual é de 54 euros (+ gastos de xestión)