Ana Tijoux, Desakato, Heredeiros da Crus, Rodrigo Cuevas, Lamatumbá e Los Chikos del Maiz, súmanse ao cartel do Revenidas

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, vai completando pouco a pouco o seu cartel do festival, sempre seguindo a súa filosfía de incluir destacadas figuras da escena musical galega, estatal e internacional, tendo moi en conta cuestión como a paridade de xénero ou a presenza de linguas minorizadas.

O mellor exemplo é este segundo avance de artistas do que forman parte nomes de referencia da nova escena latinoamericana como Ana Tijoux, figuras da música de raíz actualizada como o asturiano Rodrigo Cuevas, referentes do rock combativo español como Desakato, Los Chikos del Maiz ou Tropa do Carallo (o novo grupo de Evaristo Paramós), nomes da nova escena do rap nacional como K1ZA, tamén da escena emerxente galega, como O Rabelo ou Arrythmia e bandas que xa son parte da historia da nosa música, como Rebeliom do Inframundo, The Skarnivals, Dakidarría, Lamatumbá e Heredeiros da Crus.

No caso destes tres últimos grupos, tratarase de tres concertos moi especiais. No caso de Dakidarría, aproveitarán o festival de Vilaxoán para celebrar o seu 20 aniversario. O de Lamatumbá tamnén o é, en tanto que supón a volta aos escenarios dun dos grupos galegos máis coreados, bailados e aclamados. E o de Heredeiros da Crus ten unha especialísima significación, porque será un dos primeiros concertos que realizarán tralo parón provocado pola enfermidade do seu vocalista Javi Maneiro.

ANA TIJOUX

Ana Tijoux é unha chilena que protesta a ritmo de hip-hop. A súa carta de presentación podería ser perfectamente o que din dela medios como The Rolling Stones, que a elixiu como a “mellor rapeira en español”, The New York Estafes, que a sinala como “a resposta latinoamericana a Lauryn Hill”, ou revistas como Newsweek que a clasifica como “a rapeira latinoamericana máis importante da escena internacional”. Filla de pais exiliados na ditadura de Pinochet, Ana Tijoux, sobresae polo seu discurso, feminista e comprometido políticamente.

DESAKATO

Revenidas será a derradeira oportunidade de escoitar en Galicia a Desakato. A banda asturiana anunciou a finais do 2022 a súa decisión de despedirse como banda. Unha despedida que se fará efectiva o 11 de novembro cun concerto no Wizink Center madrileño. Ao longo das súas casi dúas décadas de frenética traxectoria musical, Desakato consolidouse como un dos nomes claves da vibrante escena do punk rock español.

RODRIGO CUEVAS

Rodrigo Cuevas chegará a Revenidas cun novo álbum, do que xa adianta que terá “unha visión moito máis global, se cabe”, con conexións aos dous lados de Atlántico. Tamén anuncia o músico asturiano para a cita de Vilaxoán “un novo espectáculo no que, ademais de nutrirse das cancións que conformarán o disco, entrarán a formar parte “o relato, o humor, a crítica, a ironía, a posta en escena, o vestiario, o xogo, etc.”, configurando “un concerto máis animal, máis extrovertido, quente, bailable, ambicioso, alegre e, quizá, épico: maior”.

LOS CHIKOS DEL MAIZ

Visita de nuevo Vilaxoán o grupo considerado como o principal referente do rap explicitamente político español. Los Chikos del Maiz preséntanse en Revenidas con novo álbum debaixo do brazo, Yes Future, un libro-disco no cal reflexionan ao redor da idea e do concepto de futuro desde a perspectiva da economía, o antifascismo, a educación, as políticas LGTBI, a cultura ou o cambio climático.

TROPA DO CARALLO

Así se chama a nova banda de Evaristo Páramos, quen fora o líder de formacións míticas como La Polla Records e Gatillazo, nesta ocasión acompañado por Abel Murua ao baixo, Tripi á batería e Alberto Salgado á guitarra. A banda presentará no Revenidas o seu álbum de presentación, Que hostias andais!, composto por 18 cancións marcadas, como non podía ser doutro xeito, polo punk rock marca de la casa.

ENTRADAS
Os abonos para os catro días do Revenidas xa están a venda a través da web www.revenidas.com.