grupo nativa

Tremenda Jauría, Nativa, The Rapants, Xosé Lois Romero e Aliboria, Familia Caamagno, Mondra, Sheila Patricia, Zetak e Hydn súmanse ao cartel do Revenidas

Os abonos para os 4 días de festival están á venda na web www.revenidas.com a un prezo de 57 euros (+gastos de xestión)

La Regadera, Uxía Lambona e a Banda Molona, Kris K Dj e La Yaya Dj son outras das novidades na programación do festival que se celebrará en Vilaxoán do 7 ao 10 de setembro

Todos estes nomes súmanse aos xa anunciados, entre os que figuran bandas e artistas como Ska-P, Ana Tijoux, Zoo, Desakato, Heredeiros da Crus, Sara Hebe, Rodrigo Cuevas, Los Chikos del Maíz ou Dakidarría

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, segue engadindo nomes ao seu cartel. Aos xa coñecidos e anunciados, entre os que figuran nomes tan destacados da escena galega, estatal e internacional como Ska-P, Ana Tijoux, Zoo, Desakato – que ofrecerán no Revenidas o seu derradeiro concerto en Galicia-, Heredeiros da Crus, Sara Hebe, Rodrigo Cuevas, Los Chikos del Maíz, Fillas de Cassandra, Lamatumbá, Tropa do Carallo ou Dakidarría –que gravarán en Vilaxoán o disco en direco de conmemoración do seu XX aniversario-, súmanse agora outra destaca nómina de artistas.


Nomes que son garantía de festa e compromiso como o colectivo madrileño de cumbia-punk, rap, reguetón combativo e música electrónica, Tremenda Jauría, o grupo formado por excompoñentes de La Raíz, Nativa, ou a banda de ska, reggae e rock La Regadera. A gran revelación da música galega deste ano -con permiso de Fillas de Cassandra-, os imbatibles The Rapants. Un nome propio con maiúsculas no desenvolvemento e modernización da nosa música tradicional como é Xosé Lois Romero e Aliboria. E un nome febrilmente emerxente desa mesma escena, como é Mondra. Os cada vez máis arrebatadoramente festivos Familia Caamagno. A conexión entre Latinoamérica e Galicia que representa Sheila Patricia. O principal exponente da música electrónica en euskera, Zetak. A gañadora do concurso de Sonidos Mans, unha promesa da música galega que xa é realidade, Hydn. Propostas para público familiar como Uxía Lambona e a Banda Molona. E dúas Dj’s femininas que repiten tralo éxito acadado o ano pasado: Kris K Dj e La Yaya Dj.

A estas novas incorporacións o Revenidas sumará nos vindeiros días outras presenzas, así como as clásicas actividades paralelas como son a Gala de Circo, os concertos a bordo, os roteiros guiados e a sardiñada popular que terá lugar domingo 10 de setembro.

O próximo xoves 29 desvelarase o cartel por días e poranse á venda as entradas para días soltos.
Revenidas conta co apoio de Mahou Cinco Estrellas na súa aposta por reivindicar que os encontros entre persoas son esenciais para vivir mellor

AS NOVAS INCORPORACIÓNS:

TREMENDA JAURÍA
O último disco de Tremenda Jauría, Todxs Igual, publicado a finais de 2022, serviu para quitarlle as máscaras e subir as revolucións do rock. Coa alegría e a raiba de sempre, con letras máis escuras e intimistas. O rock, o punk, o reguetón e a electrónica toman máis protagonismo nunhas cancións moito máis orgánicas nas que non faltan distorsións nas guitarras nin profundos graves nos baixos. A nivel de pero coa esperanza sempre no punto de mira para non perdela.

NATIVA
Cinco excompoñentes de La Raíz (Adri Faus, Xavi Banyuls, Edu Soldevila, Sen-K García e Julio Maloa) decidiron, trala disolución da banda, seguir explorando territorios musicais, axitar conciencias e chamar á acción co seu propio proxecto. Naceu así Nativa. Os de Gandia chegan ao Revenidas para presentar Aquí y ahora, un disco publicado este mesmo ano e no que a banda lle dá un xiro máis á súa música, achegándose a ritmos máis actuais e con líricas máis coidadas pero, coma sempre, cheas de boas vibracións.

THE RAPANTS
Son, xunto con Fillas de Cassandra, a gran sensación da música galega deste 2023. Cando hai uns anos asomaron pola escena musical galega presentábanse como “unha banda de indie e garage” que pretendía “achegar frescura por medio de temas animados, directos e cargados de enerxía”, co obxectivo de “levar o noso bo rolo alá onde imos”. E vaia se o conseguiron. Os de Muros son hoxe unha das bandas máis reclamadas do país. De feito veñen de tocar este mesmo ano en festivais como o Ourenfest ou O Son do Camiño. O achegamento á música disco e á electrónica que propoñen dende o seu novo disco, O corazón como un after, non fai senón acrecentar esa frescura e ese bo rolo que os caracteriza.
XOSE LOIS ROMERO E ALIBORIA
É Xosé Lois Romero, en boa medida, precursor de todo este fenómeno que está acontecer na música galega propiciado pola fusión da nosa música tradicional con perspectivas máis contemporáneas. Non en van é un dos músicos que acompañan en directo a Baiuca. Xosé Lois Romero & Aliboria trasladan ao escenario o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical.

FAMILIA CAAMAGNO
Outros que veñen de dárlle unha volta ao seu son son Familia Caamagno. O quinteto compostelán estrearon a finais de 2022 O mundo está derrotado, un disco co que actualizan as súas credencias e as súas sonoridade, achegándose á contemporaneidade «dunha forma perralleira», coma sempre segundo o seu particular sentido do humor. Os Caamagno fican no ímpeto dos febrís anos 90 con furiosas melodías e guitarras moito máis agresivas. E iso en directo soa como un canón.

MONDRA
Apunta este nome porque vas escoitalo moitas veces e non has de tardar moito. Cantareiro e bailador, Mondra é unha desas novas figuras que están a revolucionar a música galega. Apadriñado por Berto e con colaboradoras como Fillas de Cassandra, os primeiros adiantos do que será o seu disco de debut, Crónicas d’Ardēn, non deixan lugar a dúbida. Despois contarás que a primeira vez que o viches foi no Revenidas.

SHEILA PATRICIA
Influenciada polas súas viaxes a Latinoamérica durante a súa infancia, poderíase dicir que Sheila Patricia foi unha das pioneiras da folktrónica. O seu canto tradicional demostra a riqueza do son galego que se mestura con diversas formas de música electrónica dende unha perspectiva única que toma elementos do fado, o jazz ou a música tradicionasl das dúas beiras do Atlántico.

ZETAK
Postos a romper estereotipos -e poucas cousas non gustan máis no Revenida-, que tal un proxecto de música electrónica en euskera? Zetak é o proxecto de do sempre inquedo músico navarro Pello Reparaz (ex Vendetta). En 2021 gañou o premio MIN ao mellor álbum en euskera. Un dos seus temas, Itzulera, foi o himno do verán en Euskadi. E agora ven de gravar Zoriontasuna xunto a Bomba Estéreo, o que xa colocou a Zetak no punto de mira internacional. 

HYDN
Hydn colouse no cartel do Revenidas ao ser a gañadora do concurso Sonidos Mans. Pero de non ter sido así, tería méritos de sobra para formar parte da nómina de artistas do festival. Hydn é unha bomba a piques de estoupar. Teno todo para se converter na futura gran revelación da música galega: temazos, actitude, estética, compromiso… Cos seus primeiros sinxelos está a chamar moitísimo a atención da industria e non só en Galicia. O Revenidas pode ser un paso máis na súa máis que segura consagración.

LA REGADERA
Xa sabedes da querencia que ten o Revenidas polas bandas de ska-fusión. E La Regadera é unha das grandes. Se cadra non acadaron aínda a transcendencia de outros grupos achegados ao seu son, pero estes burgaleses, que xa teñen pasado por festivais como o Viñarock ou o Sonorama, poden ser unha das grandes sorpresas do cartel deste ano en Vilaxoán. Festa e diversión para que a vida non pare.

UXÍA LAMBONA E A BANDA MOLONA
Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, tinguíndoos de ska, reggae, klezmer ou tango. Desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro, pasando por outros moitos temas tradicionais e algún que outro propio. O conxunto conforma un espectáculo moi dinámico, no que non só os nenos, senón todo tipo de públicos acaban sendo do seu “des-concerto”, cheo de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

KRIS DJ
Dj residente da Duendenta. Ten pinchado en festivais como Portamérica, Caudal Fest, Atlantic Fest, Planeta Sound, Revenidas, Ourensound, Nachiños Fest, Surfing the Lérez, Vilablues… Foi teloneira no concerto de Bonnie Tyler en Santiago en 2021. As súas sesións sobresaen pola súa variedade, sentido lúdico e polo seu compromiso coa música en galego e coa música en feminino e.

LA YAYA DJ
Nunca é tarde se a música boa. A vilagarciana é unha das últimas incorporacións a esa escena, cada vez más ampla e fértil, de Dj’s femininas. La Yaya tamén traslada ese compromiso feminista as súas sesións, nas que teñen cabida todo tipo de estilos, sempre co espírito festivo e bailable como fundamento.

ENTRADAS
Os abonos para os catro días do Revenidas xa están a venda a través da web www.revenidas.com. O prezo actual é de 57 euros (+ gastos de xestión)