O Revenidas, que congregou a 6.000 persoas na súa primeira xornada,recibe hoxe a La Pegatina, Narco, Fillas de Cassandra ou Miss Bolivia

O cartel do sábado conta con 15 bandas, entre elas El Kanka, Talco,
Dubioza Kolektiv, Tanxugueiras, The Rapants ou un concerto especial de
Rebeliom do Inframundoo

No presskit tedes unha carpeta diaria coas fotos dos concertos

Seis mil persoas déronse cita o xoves, no festival Revenidas. Unha
cifra similar á da primeira xornada da edición de 2023. Coa vila
ateigada, as zonas de acampadas cheas e centos de caravanas aparcadas
nas proximidades do recinto do festival, Vilaxoán viviu un xoves
pletórico, con momentos inesquecibles enriba do escenarios como os que
protagonizaron Lendakaris Muertos, Muchachito Bombo Infierno e
Dakidarría, as actuacións máis aclamadas da xornada inaugural.

A segunda xornada do Revenidas, a de hoxe venres, conta con dous
concertos de despedida, o de La Pegatina e o de García MC e Nación
Quilombo. O grupo catalán, todo un clásico en Vilaxoán, anunciou este
ano que se tomarían un descanso temporal despois de 21 anos de
traxectoria, polo que o do Revenidas (22 h), para o que anuncian
colaboracións sorpresa, será os seu último concerto nun festival en
Galicia. No caso do rapeiro galego, o anuncio é de que o proxecto
Nación Quilombo desaparece definitivamente, polo que o Revenidas (18.30
h) será a derradeira ocasión para escoitalo.

Outra das presenzas destacadas do venres é a de Fillas de Cassandra, o
grupo galego revelación deste ano, que nesta edición soben ás 19.30 h
ao escenario principal. A proposta galega do venres complétase con
Lontreira (20.45 h), outras das bandas máis en auxe da escena galega.

A xornada complétase cos concertos dunha artista que é referencia
fundamental da fusión da música urbana e o compromiso social e
feminista, como é a Miss Bolivia (23.40); dun grupo fundamental para
entender o punk rock evolucionado, como son os sevillanos Narco; co
combo barcelonés de fusión Muyayo Rif (2.05 h); os vascos ETS (En Tol
Sarmiento), que son o grupo en euskera máis stremeado en Spotify; o
enérxico dúo Serial Killerz, que serán os encargados de pechar a
xornada a partir das 03.05 h, e, por suposto, A Duendeneta, que fará
dúas sesións, ás 18.00 e ás 21.35 h.

CARTEL DO SÁBADO

O Sábado será o día grande do Revenidas. Catorce bandas subirán nesa
xornada aos dous escenarios do festival, ás que hai que sumar tres
sesións desa incombustible animadora que é A Duendeneta. Carlos Crespo
e Kris K Dj serán de feito os primeiros en facer soar a música o
sábado no recinto do Revenidas, trala apertura de portas ás 11 horas.
A Duendeneta fará ademais outras dúas sesións, ás 13.45 e ás 21.20
h.

O Revenidas conta o sábado con dúas presenzas internacionais, a dos
italianos Talco e a dos bosnios Dubioza Kolektiv. Talco despezarán ao
persoal ás doce e media do mediodía coa súa imbatible combinación de
ska e punk. Non lle anda á zaga en canto a axitación e enerxía a
proposta doutros vellos coñecidos do Revenidas, Dubioza Kolektiv, coa
súa fusión de hip-hop, reggae, dub, rock e folclore de Bosnia.

Sobresae tamén presenza de El Kanka, un dos músicos españois máis
aclamados e solicitados e un artista desexado polo Revenidas dende hai
xa uns cantos anos e ao que por fin se poderá ver ao carón do mar de
Vilaxoán a partir das 20 h.

O Revenidas conta o sábado cunha notable e salientable presenza de
grupos galegos. Comezando por Tanxugueiras (17.30 h), a formación
galega que a día de hoxe máis público é capaz de congregar, como o
demostrou no Coliseum da Coruña. Tamén actuará o grupo galego que
seguramente máis concertos ten feito neste 2024, The Rapants (15.20 h).
O sábado tamén subirán ao escenario dúas mulleres que representan ao
tempo o pasado o presente e o futuro na música galega, Guadi Galego
(18.50 h) e Catuxa Salom (11.30 h), que por certo ten antecedentes
familiares en Vilaxoán. A presenza galega complétase con Loita Amada
(03.00 h), o novo proxecto de Jásper; e Rebeliom do Inframundo (01.50),
que ofrecerán un concerto especial no que participarán como convidadas
Tanxugueiras, Law, Vértebras, Nadie González, Cousxs, Treintañeras
Cañeras e Sonriot, para rematar cunha sesión fin de festa a cargo de
La Yaya Dj.

Outros concertos destacados do sábado son os de Los Niños Jesús, o
grupo de versións que lidera o xornalista Jordi Évole; Xavi Sarrià, o
que fora líder dos míticos Obrint Pas, que ofrecerá no Revenidas o
seu derradeiro concerto en Galicia antes da súa retirada; os
valencianos Lágrimas de Sangre, que tamén anunciaron este ano a súa
despedida; e os tamén valencianos La Fúmiga, unha das últimas
sensacións da música festiva levantina.

HORARIOS

VENRES 13
17.00: A Duendeneta
17.30: ETS (Escenario Galicia)
18.30: García MC & Nación Quilombo (Escenario Vibra Mahou)
19.30: Fillas de Cassandra (Escenario Galicia)
20.45: Lontreira (Escenario Vibra Mahou)
21.35: A Duendeneta
22.00: La Pegatina (Escenario Galicia)
23.40: Miss Bolivia (Escenario Vibra Mahou)
00,50: Narco (Escenario Galicia)
02.05: Muyayo Riff (Escenario Vibra Mahou)
03.05: Serial KillerZ (Escenario Galicia) SÁBADO 14
11.00: A Duendeneta
11.30: Catuxa Salom (Escenario Vibra Mahou)
12.30: Talco (Escenario Galicia)
13.45: A Duendeneta
14.15: Xabi Sarrià (Escenario Vibra Mahou)
15.20: The Rapants (Escenario Galicia)
16.25: Los Niños Jesús (Escenario Vibra Mahou)
17.30: Tanxugueiras (Escenario Galicia)
18.50: Guadi Galego (Escenario Vibra Mahou)
20.00: El Kanka (Escenario Galicia)
21.20: A Duendeneta
21.50: La Fúmiga (Escenario Vibra Mahou)
23.00: Dubioza Kolektiv (Escenario Galicia)
00.30: Lágrimas de Sangre (Escenario Vibra Mahou)
01.50: Rebeliom do Inframundo (Escenario Galicia)
03.00: Loita Amada (Escenario Vibra Mahou)
Fin de Festa: La Yaya Dj (Escenario Galicia)

INFO GRUPOS SÁBADO

TALCO

Outros vellos coñecidos do Revenidas que tamén quixeron estar na
edición de 2024. A banda de ska-punk italiana leva dúas décadas dando
guerra, oito álbums de estudo, innumerables concertos e intensas
aparicións en festivais por toda Europa. Todo isto é grazas ao estilo
«punkchanka», altamente contaxioso, unha mestura de denuncia social e
política a ritmo de  de punk-rock, folk, música latina e ska, é
dicir, a marca rexistrada de Talco, o que fai que a xente de toda Europa
baile aloucadamente.

DUBIOZA KOLEKTIV

Nunha festiva e delirante fusión de hip-hop, reggae, dub, rock e
folclore de Bosnia baséase a proposta de Dubioza Kolektiv. Así é xa
nos seus discos e multiplicado por tres nos seus frenéticos concertos.
Todo elo tinguido de negro e amarelo e cunha considerable dose de
contido político, sen perder nunca de vista a diversión. Porque como
dixo o seu teclista: “Dubioza demostra que a xente pode bailar e pensar
ao mesmo tempo”. Os bosnios chegan a Vilaxoán para presentar en directo
o seu último disco «Agrikultura».

EL KANKA

Débeda saldada, Había tempo que o Revenidas desexaba contar no seu
cartel con El Kanka e por fin chegou o momento. O cantautor madrileño
é un artista feito así mesmo dunha maneira artesanal, sen présa, pero
sen pausa, que soubo deixar repousar a súa carreira como se fai cos bos
viños para chegar ata onde actualmente se atopa. A día de hoxe pode
presumir de ser un dos artistas máis laureados do territorio español.
E dos máis aclamados e solicitados, tamén. Co seu talento e
naturalidade, El Kanka presentará en Vilaxoán a súa fascinante e
particular fusión de sons que dan vida a cancións variadas cunha gran
combinación de estilos nutridos de moi variadas herdanzas musicais. Un
cantautor con maiúsculas.

TANXUGUEIRAS

Despois de dar 120 concertos na súa xira _Midas_ e de encher o Coliseum
da Coruña con 8.000 persoas, pouco lles queda por demostrar ao trío de
pandeireteiras que conforman Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro.
Aínda está na memoria do Revenidas o descomunal concerto que ofreceron
na edición de 2022. Este ano retornan de novo a Vilaxoán con
espectáculo novo, un directo máis dinámico onde mostrarán os seus
grandes éxitos e novos temas que verán a luz antes de que remate o
ano.

XAVI SARRIÀ

Tras 30 anos de traxectoria, boa parte deles á fronte da mítica banda
Obrint Pas, Xavi Sarriá anunciou este ano un parón indefinido na súa
carreira. Polo tanto, a súa escala no Revenidas será a derradeira
ocasión para escoitar as súas cancións, sempre cargadas de letras
reivindicativas, compromiso político e cultura popular. O músico
valenciano presentarase en Vilaxoán á fronte dunha poderosa banda
eléctrica e o seu particular son, con ecos da tradición mediterránea
mesturados con rock, ska e reggae.

LÁGRIMAS DE SANGRE

Despois de 18 anos de traxectoria a banda catalá anunciou que esta de
_Armónico Desorden_ será a súa xira de despedida. E, por suposto,
tiña que facer escala no Revenidas, no que, ao igual que no caso de
Mafalda, será o seu derradeiro concerto en Galicia. O universo lírico
e sonoro de Lágrimas de Sangre ofrece temas vitalistas e bailables para
momentos de festa, xunto a outras propostas máis íntimas en versos
existencialistas, sen deixar de lado aquelas máis crúas e amargas en
forma de canción protesta.

LOS NIÑOS JESÚS

A banda liderada por Jordi Évole, e na que está rodeada de amigos,
chega ao Revenidas despois de ter pasado por escenarios como os do BBK
Live, Sonorama ou Inverfest. O seu repertorio revisa en clave festiva
clásicos de onte, hoxe e sempre, dos nosos festivais e, por suposto,
das nosas festas. De C. Tangana a Extremoduro pasando por Estopa, Lori
Meyers, Kiko Veneno e, por suposto, Jarabe de Palo. Defínense como unha
“humilde banda de versión” coa única pretensión de facer un
“concerto para divertir á xente”. Que non é pouco.

LA FÚMIGA

La Fúmiga é un estado de ánimo. “Ese lugar ao que chegamos cando
sentimos felices, radiantes e xubilosos”, explica o grupo valenciano.
La Fúmiga converteu a música festiva nun fenómeno social, con
electrizantes actuacións en directo que sacudiron o chan en case
setenta cidades na súa última xira. Agora chegan a Vilaxoán para
presentar _Tot està per fer_, o disco que publicaron este mesmo ano, no
que inclúen once temas pensados, xustamente, para o directo.

GUADI GALEGO

Poucos nomes recollen tanta admiración e respecto na música galega
como o de Guadi Galego. A artista de Cedeira conta cunha traxectoria
absolutamente admirable. Dende 1997 ata 2008 formou parte de
Berrogüetto. Participou despois en proxectos como Espido, Nordestin@os
e aCadaCanto, ata que apostou pola súa carreira en solitario, máis
orientada cara o pop, na que leva publicados 6 discos. O último, unha
marabilla titulada _Roibén_, e a base do seu espectáculo _Síntese
Horizonte_, que presentará en directo no festival de Vilaxoán.

THE RAPANTS

O feito de vender dúas salas Capitol en poucos minutos apenas un par de
semanas despois de publicar o seu novo disco da boa conta do descomunal
momento de forma no que se atopa a banda de Muros. The Rapants son moito
máis que una “máquina del buen rollo”, son unha auténtica
apisonadora, unha imbatible engrenaxe de rock, funk e disco que en
directo arrasa por onde pasa. Se no 2023 xa rebentaron o Revenidas, o
deste 2024 pode ser apoteósico.

REBELIOM DO INFRAMUNDO

A piques de poñer punto final a súa xira Amor ou Barbarie, a banda
viguesa fará no Revenidas un concerto único e especial, que bautizaron
como _Rebeliom do Inframundo é un movemento_, no que contarán cun
importante plantel de artistas convidados.

LA YAYA DJ

O que comezou coma unha afección pinchando música converteuse pouco a
pouco nunha maneira de espallar as ideas dunha persoa comprometida co
país, coa lingua, coa cultura e con diversos movementos sociais, con
especial mención ao movemento feminista. Tralo seu paso por numerosos
festivais, La Yaya segue botando semente nos distintos campos da festa
combinando música reivindicativa, música de onte e de hoxe, música
tradicional galega e música actual.

A DUENDENETA

A vella furgalla vermella que leva a nosa música por todo país é todo
un clásico do festival de Vilaxoán, ao que leva acudindo dende hai
case unha década. Este ano, no que “a velliña” cumpre 50 anos, non
podía faltar, coas súas festivas e imbatibles sesións a cargo de Kris
K Dj e Carlos Crespo, nas que a música galega goza sempre dun
privilexiado e merecido protagonismo, e con algunha celebración
sorpresa.