O Revenidas presenta a súa edición «máis ambiciosa», con cinco días de festival e máis de 40 artistas

O Revenidas presenta a súa edición «máis ambiciosa», con cinco días de festival e máis de 40 artistas

O Fogar do Pescador de Vilaxoán acolleu hoxe a presentación oficial do festival, na que interviñeron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias

O Revenidas recupera a sardiñada popular e reforza o seu compromiso coa música galega (máis dos 50% dos artistas que conforman o cartel son de Galicia) e coa cultura mariñeira

O Revenidas cumpre 18 anos e celebra a súa maioría de idade coa edición «máis ambiciosa» da súa historia. Así o corroborou hoxe na presentación do festival o seu organizador, Xoán Quintáns, e así o reafirmaron tamén o resto dos participantes na mesma.

Quintáns destacou o feito de que o festival deste ano prolóngase durante cinco días, nos que acollerá a máis de 40 artistas. Máis da metade deles son galegos, o que ven a reforzar, aínda máis se cabe, o forte compromiso que o festival de Vilaxoán mantivo dende sempre coa música galega, pedra angular da súa proposta.

Ademais dos grupos e artistas galegos, o Revenidas contará cunha nutrida presenza de banda do resto do Estado así como outras chegadas dende Portugal, Bosnia, Italia e Rusia.

O organizador do Revenidas subliñou que este ano o festival recupera a tradicional sardiñada popular, tralos dous anos da pandemia. «Para nós é o epicentro da festa», dixo Quintáns. Terá lugar o domingo, nunha xornada na que o Revenidas abre as súas portas de par en par. Todas as actividades, tantos os concertos como a gala de circo, serán de balde, «para que a xente con menos recursos tamén poida ter acceso a un día de festival».

IDENTIDADE PROPIA

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, sinalou que ˝este festival ten identidade propia como a ten o territorio» ao que está indisolublemente apegado. «Ninguén entendería Vilaxoán sen música», dixo o rexedor. Como tampouco se entendería o Revenidas sen Vilaxoán. Para Alberto Varela, «o Revenidas é o máximo expoñente das músicas galegas» e celebrou que o festival retorne «en todo o seu esplendor».
A directora de Turismo de Galicia vinculou o éxito que están a ter os festivais que este ano se están a realizar en Galicia cos excelentes datos de afluencia de turistas e de peregrinos. «que están marcando cifras de récord». Asegurou Nava Castro que «estes festivais axudan a seguir poñendo o destino Galicia de moda e a seguir sendo referentes neste tipo de eventos tanto a nivel nacional como internacional». Para a directora de Turismo de Galicia, «eventos como o Revenidas fannos distintos e únicos e fan que presumamos aínda máis da música galega».

A deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, destacou que «aínda tendo máis días e máis artistas que nunca, o Revenidas segue mantendo esa esencia mariñeira coa que naceu, así como a súa aposta pola música en galego». Iglesias explicou que a Deputación manterá no Revenidas a campaña de prevención das agresións machistas que ven facendo no resto dos Rías Baixas Fest, baixo o lema ˝Eu decido, ti respectas˝. E anunciou, como novidade, a inclusión no cartel de Revenidas de Sinner, unha das artistas que participa no programa de fomento do talento feminino `Descúbreas’, promovido polo organismo provincial.

CARTEL POR DÍAS

MÉRCORES 7: Boyanka Kostova e Amigxs (Pili Pampín, Grande Amore, Dios Ke Te Crew, Mundo Prestigio), Sinner, Kris K D e La Yaya Dj.

XOVES 8: La Pegatina, Boikot, Gatibu, Suu, Copa Turbo, Ketekalles, Lamontagne & Picoamperio e La Duendeneta.

VENRES 9: SFDK, Lendakaris Muertos, Talco Moscow Death Brigade, SonDaRúa, Bratzantifa, Grande Amor e La Duendeneta

SÁBADO 10 (Hora de inicio: 12.00 h): Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría, Zoo, Dubioza Kolektiv, A Banda da Loba, Ladilla Rusa, Doen, Monoulious Dop, Plectro e La Duendeneta

DOMINGO 11: Sés, Ortiga, Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa, Louband, Gala de Circo XX Anos de Peter Punk e Amigxs, Compañía Paraíso e Sardiñada Popular.

ACTIVIDADES PARALELAS

Os sábado 10 e o domingo 11, celebraranse os concertos a bordo. Os do sábado terán como protagonistas a Antía Muíño (saída dende o peirao ás 13 h), Xabier Díaz (15 h) e Grande Amore (17 h). Os do domingo serán de Guadi Galego (13 h), Boyanka Kostova (15 h) e Cardalda e Dopico (17 h).

Outra das actividades que forma parte das actuacións de promoción do turismo mariñeiro de Turismo Rías Baixas é «Redescubre Vilaxoán». O cantante e escritor Xurxo Souto, apaixonado e defensor do festival Revenidas e de Vilaxoán, realizará un roteiro musicado polos lugares máis emblemáticos desta vila mariñeira. O roteiro partirá ás 10.30 h do sábado 10 de setembro. A asistencia ao mesmo é de balde (ata completar aforo) pero require unha inscrición previa que se pode realizar dende a web www.revenidas.com.

O domingo, a partir das catro da tarde, terá lugar a tradicional gala de circo, que neesta edición servirá para celebrar os 20 anos en escena de Peter Punk, un dos habituais do festival de Vilaxoán O popular pallaso contará para esta ocasión especial coa presenza de convidados como Kaldi, Pajarito, Cou, Dakidarría, Leo Arremecághona, Malala e Iván e Brais das Hortas.

Tamén o domingo, ás 12.30 h, a compañía Paraíso porá en escena ‘Os diarios de Eva e Adán (Boleros no paraíso)’, interpretada por Inés Salvado e Sergio Piñeiro e con música en directo de Xosé Lois Romero e Xoán Porto.

ENTRADAS E ABONOS

A venda de abonos e de entradas por día para o festival Revenidas 2022 poden adquirirse dende a web www.revenidas.com ou dende as redes sociais do festival.

Desde este mesmo soporte tamén se ofrece a posibilidade de de facer unha carga previa da pulseira cashless.

ENTRADAS E ABONOS

A venda de abonos e de entradas por día para o Revenidas 2022 poderán adquirirse dende a web www.revenidas.com ou dende as redes sociais do festival.

Desde este mesmo soporte tamén se ofrece a posibilidade de de facer unha carga previa da pulseira cashless.