O Revenidas, finalista en tres categorías dos premios Iberian Festival, entre elas o de mellor festival de formato medio

O festival de Vilaxoán tamén é finalista a Mellor Fotografía de Festival (Christian Pérez) e Mellor Cobertura de Vídeo (Xoán Tourís)

O festival Revenidas de Vilaxoán é finalista en tres categorías dos prestixiosos premios Iberian Festival Awards 2025. Os galardóns, que recoñecen as contribucións e logros dos organizadores de festivais e outros actores da industria en España e Portugal durante o ano anterior, contan co Revenidas entre os finalistas na categorías de Mellor Festival de Formato Medio, Mellor Fotografía de Festival e Mellor Cobertura de Vídeo
A gala de entrega de premios da oitava edición dos Iberian Festival Awards terá lugar en Almancil (Loulé), no Algarve, o 21 de marzo.
A edición de 2024 do festival Revenidas, celebrada do 12 ao 14 de setembro, congregou a 25.000 asistentes nun extraordinario ambiente e cunha reafirmada aposta pola música galega (Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, The Rapants, Guadi Galego, Dakidarría, Rebeliom do Inframundo…) e grandes artistas do panorama internacional (Talco, Dubioza Kolektiv) e estatal (La Pegatina, Narco, El Kanka…)

MELLOR FESTIVAL DE FORMATO MEDIO
O Revenidas acadou nesta edición dos IFA o fito de ser finalista na categoría Mellor Festival de Formato Medio. O festival de Vilaxoán conságrase entre os dez mellores festivais deste formato da península, xunto ao SonRías Baixas (Bueu), Noches del Botánico (Madrid), Festival Gigante (Guadalajara), Stone & Music Festival (Mérida) e outros cinco festivais de Portugal.
A candidatura do Revenidas destacou o feito de que un pequeno pobo de Vilaxoán, cun ceso menor a 2.000 persoas, sexa capaz de acoller un festival desta dimensión e con estas características. Tamén se subliña o gran impacto económico que o Revenidas xera: valorado pola USC en dous millóns de euros, con 150 postos de traballo directos, que se suman aos máis de 500 entre técnicos e artistas. Por último, tamén se ten en consideración a programación que se desenvolve paralela ao máis de 40 concertos, coa sardiñada popular, a Gala de Circo Solidaria, os concertos a bordo ou o roteiro turístico pola vila.
MELLOR FOTO DE FESTIVAL
Christian Pérez, responsable da vertente fotográfica do Revenidas dende hai case unha década, volve a ser finalista na categoría de Mellor Fotografía de Festival. A imaxe candidata nesta ocasión foi tomada durante o concerto de Tanxugueiras, no momento no que o trío de pandereteiras achegouse a cantar entre o público. 
Na instantánea (que achegamos) pódense interpretar todos os matices que representan o Revenidas: o agarimo e alegría na mirada e sorriso de Olaia (cantante no centro da imaxe), a forza e enerxía de Sabela (á esquerda) e, rodeando ás artistas, con sumo respecto e emoción, o público do festival –que queda representado co seu logo no alto do escenario principal.
MELLOR COBERTURA DE VÍDEO DE FESTIVAL
O vilanovés Xoán Tourís, responsable desde hai 5 anos da cobertura en vídeo do Revenidas, súmase nesta edición á listaxe de finalistas dos Iberian Festival Awards. Coa súa cámara, montaxe e edición encárgase de reflectir o espírito do festival, incidindo en aspectos como a diversidade dos perfís do público e a oferta musical, onde a alegría, o humor e a naturalidade son os aspectos esenciais do seu contido.
Nesta edición realizou resumos diarios e pezas para as redes sociais nas que ademais de amosar os mellores momentos do festival rexistra tamén instantes entre bambalinas que só o traballo incansable de Tourís poden reflectir.
REVENIDAS 2025
A edición do 2025 do Revenidas celebrarase do 11 ao 14 de setembro. Os abonos xa poden mercarse na web www.revenidas.com.
Nas vindeiras semanas o festival avanzará xa algúns dos nomes que conformarán o seu cartel, se ben xa se pode adiantar manterá a súa filosofía de incluír destacadas figuras da escena musical galega, estatal e internacional, tendo moi en conta cuestións como a paridade de xénero ou a presenza de linguas minorizadas. Non faltarán tampouco as actividades paralelas que son parte e historia fundamental do Revenidas como a tradicional sardiñada, a Gala de Circo Solidaria, os concertos a bordo ou o roteiro por Vilaxoán.
O Festival Revenidas conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que conecta a artistas e público en torno á música en vivo