O Revenidas incorpora dez novas bandas ao seu cartel, cunha destacada presenza de propostas galegas. O festival de Vilaxoán, que terá lugar do 10 ao 13 de setembre, vai completando así a lista de proxectos musicais que formarán parte da próxima edición do seu evento con nomes como Bob Vylan, Fillas de Cassandra, 9Louro ou Narco.
Neste novo avance, o Revenidas anuncia a presenza de Fillas de Cassandra, que presentarán en Vilaxoán o vibrante directo de presentación de Tertúlia, así como a da figura emerxente máis importante da nova escena galega, o muradán 9Louro. Tres estilos moi diferentes pero perfectamente harmonizables representan De Ninghures, co seu tradi contemporaneizado, Queen Rendi, coas súas achegas ao dancehall e ao urbano, e Dakidarría, co seu rock mestizo sempre combativo.
Bob Vylan, Sons of Aguirre & Scila e Malifeta no Revenidas 2026
Dende terras levantinas chegan Malifeta, a nova banda formada por Arnau (ex Zoo) e Mireia (ex Pupil·les), e tamén de alí proveñen Sons of Aguirre & Scila, unha proposta que combina o metal co rap alternativo. Dende a Barcelona máis underground procede Matah, a que fora durante unha década vocalista de La Kinky Beat. E dende Sevilla chegan os históricos Narco, que este ano están a celebrar o seu 30 aniversario cunha serie de concertos especiais. A presenza internacional neste terceiro avance do cartel do Revenidas é a de Bob Vylan, un dúo londinense que só con batería e voz é capaz de combinar a enerxía crua do punk rock coas rimas afiadas do hip-hop.
Estes once artistas e grupos veñen a sumarse aos xa anunciados con anterioridade: The Rapants, El Drogas, La Gossa Sorda, Evaristo, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Ilan Amores, Arrhythmia, Süne, Nadie González, Sara Hebe e The Salsa Punk Orkestra.
En vindeiras datas o Revenidas anunciará o cartel por días así como algunhas das citas do seu programa de actividades paralelas.
Os abonos para Revenidas 2026 están á venda facendo clic aquí un prezo de 66€ (+gastos de xestión). As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 15 euros.