La Gossa Sorada en el Festival Revenidas 2026

O festival Revenidas acollerá o único concerto en Galicia de La Gossa Sorda

Cinco nomes máis, de procedencias e de estilos absolutamente diversos, súmanse ao segundo avance de cartel do festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do 10 ao 13 de setembro de 2026.

Encabezan este novo anuncio The Rapants, que presentarán en Vilaxoán o seu arroiador directo da xira Rapants Clubs, que estrearon hai dúas semanas congregando a 6.000 persoas no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago. E dunha banda de referencia na actual escena galega a un nome que o é todo no rock estatal: Enrique Villarreal, El Drogas. Trala xira coa que celebrou o 40 aniversario da fundación de Barricada, El Drogas chega ao Revenidas para presentar un concerto no que percorre os himnos de toda a súa carreira, dende os tempos de barricada ou Txarrena ata os da súa actual etapa en solitario.

Única xira, único directo en Galicia

E se de nomes icónicos falamos, a música valenciana ten un deles en La Gossa Sorda. Tras dez anos retirados dos escenarios, a mítica formación reuniuse para realizar unha única xira neste 2026, unha xira que terá a súa única escala en Galicia no Revenidas.

O festival de Vilaxoán tamén anuncia a presencia da arxentina Sara Hebe, unha das principais referentes do rap e da música urbana e feminista en Latinoamérica, e de The Salsa Punk Orkestra, grupo que transforma clásicos do punk en vibrantes versións de salsa.

Estes cinco artistas e grupos veñen a sumarse aos xa anunciados con anterioridade: Evaristo, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Ilan Amores, Arrhythmia, Süne e Nadie González.

Os abonos están á venda no apartado de entradas a un prezo de 65 euros (máis gastos de xestión). Tamén se pode reservar xa o acceso á acampada O Rial por un importe de 15 euros durante o proceso de compra. Os menores de 13 anos poderán acceder ao recinto de xeito gratuíto. Os menores de entre 13 e 17 anos (ámbalas idades incluídas) deberán adquirir unha entrada de persoa adulta.