xoves cos concertos de Muchachito Bombo Infierno, Lendakaris Muertos e Dakidarría, entre
outros
A xornada de mañá venres contará cos derradeiros concertos nun
festival galego de La Pegatina e García MC & Nación Quilombo, ademais
dos de Fillas de Cassandra, Narco, Miss Bolivia, ETS ou Lontreira
O venres (13h) terá lugar a preestrea do documental de Dakidarría
«Seguimos en pé!», coa presenza de músicos da banda e un posterior
concerto en acústico
A partir de hoxe, no presskit teredes unha carpeta coas fotos diarias de
todos os concertos
O festival Revenidas de Vilaxoán bota hoxe a andar, a partir das 18 h,
co presenzas musicais tan salientables como as de Lendakaris Muertos, un
dos grandes nomes propios do punk estatal, Muchachito Bombo Infierno,
que actúa por primeira vez no festival; os valencianos Mafalda, que
este ano anunciaron a súa disolución, e que ofrecerán no Revenidas o
seu derradeiro concerto en Galicia; The Tyets, un dúo de Mataró que
coa súa proposta de “trapetón” converteuse no primeiro grupo que
canta en catalán con máis dun millón de oíntes ao mes en Spotify;
Trashtucada, un septeto que mestura rock, reggae e ska, ou Balkan
Paradise Orchestra. Como non podía ser doutro xeito, o Revenidas tamén
contará na súa xornada inaugural cunha destacada presenza de grupos e
artistas galegos, como os sempre incandescentes Dakidarría, o dúo de
hip hop feminista e comprometido Vértebras e A Duendeneta, que
realizará dúas sesións.
A XORNADA DO VENRES
A segunda xornada do Revenidas, a do venres 13, conta con dous concertos
de despedida, o de La Pegatina e o de García MC e Nación Quilombo. O
grupo catalán, todo un clásico en Vilaxoán, anunciou este ano que se
tomarían un descanso temporal despois de 21 anos de traxectoria, polo
que o do Revenidas (22 h), para o que anuncian colaboracións sorpresa,
será os seu último concerto nun festival en Galicia. No caso do
rapeiro galego, o anuncio é de que o proxecto Nación Quilombo
desaparece definitivamente, polo que o Revenidas (18.30 h) será a
derradeira ocasión para escoitalo.
Outra das presenzas destacadas do venres é a de Fillas de Cassandra, o
grupo galego revelación deste ano, que nesta edición soben ás 19.30 h
ao escenario principal. A proposta galega do venres complétase con
Lontreira (20.45 h), outras das bandas máis en auxe da escena galega.
A xornada complétase cos concertos dunha artista que é referencia
fundamental da fusión da música urbana e o compromiso social e
feminista, como é a Miss Bolivia (23.40); dun grupo fundamental para
entender o punk rock evolucionado, como son os sevillanos Narco; co
combo barcelonés de fusión Muyayo Rif (2.05 h); os vascos ETS (En Tol
Sarmiento), que son o grupo en euskera máis stremeado en Spotify; o
enérxico dúo Serial Killerz, que serán os encargados de pechar a
xornada a partir das 03.05 h, e, por suposto, A Duendeneta, que fará
dúas sesións, ás 18.00 e ás 21.35 h.
ESTREA DO DOCUMENTAL DE DAKIDARRÍA
A xornada do venres acollerá o venres a preestrea absoluta do
documental “Seguimos en Pé!”, que recolle o concerto especial que
Dakidarría ofreceron no festival de Vilaxoán en 2023, no que
participaron máis de 50 artistas convidados, así como outros momentos
da xira ‘XX Aniversario’.
A proxección do documental terá lugar ás 13h do venres no Centro
Sociocultural e Deportivo de Vilaxoán e contará con varios dos
compoñentes do grupo que charlarán co público e comentarán
curiosidades da película. A preestrea rematará cun pequeno concerto en
acústico de Dakidarría.
A entrada, tanto para a proxección como para o concerto, é de balde
ata completar aforo.
ABONOS, ENTRADAS E ACAMPADA
Os abonos para os catro días do Revenidas 2024 están á venda na
páxina web www.revenidas.com [1] a un prezo de 63€ (+gastos de
xestión).
As entradas para o xoves teñen un prezo de 33€ (+gx) e as do venres e
as do sábado, 38€ (+gx).
Os menores de 13 anos teñen acceso gratuíto.
As persoas que merquen o abono poderán reservar na web o acceso á
acampada por un importe de 10 euros.
HORARIOS XOVES 12
18.00: A Duendeneta
18.30: Vértebras (Escenario Vibra Mahou)
19.20: The Tyets (Escenario Galicia)
20.30: Balkan Paradise (Escenario Vibra Mahou)
21.30: A Duendeneta
22.00: Lendakaris (Escenario Galicia)
23.20: Mafalda (Escenario Vibra Mahou)
00.25: Muchachito Bombo Infierno (Escenario Galicia)
01.50: Trashtucada (Escenario Vibra Mahou)
02.50: Dakidarría (Escenario Galicia)
INFO GRUPOS
LA PEGATINA
«Hasta luego Mari Carmen» titulou o combo catalán esta xira coa que
se despiden temporalmente dos escenarios despois de 21 anos de exitosa
traxectoria. O Revenidas foi unha escala indispensable nas xiras de La
Pegatina e La Pegatina foi un grupo imprescindible en moitos Revenidas.
Forman o binomio perfecto. Así que o festival de Vilaxoán non podía
quedar fóra da lista de concertos que o grupo vai facer antes de dicir
definitivamente «hasta luego Mari Carmen».
FILLAS DE CASSANDRA
Xa o dixemos o ano pasado cando anunciamos a presenza de Fillas de
Cassandra no Revenidas 2023. «Son a gran revelación da música galega
en 2023», dixemos entón. E bastou un ano para confirmalo e mesmo
supéralo con creces. Na memoria do Revenidas aínda está o descomunal
concerto que o dúo ofreceu en Vilaxoán na pasada edición. Un concerto
que María Soa, unha das compoñentes do dúo, destacou nunha recente
entrevista como o mellor de 2023. Fillas de Cassandra presentarán no
Revenidas 2024 o seu novo espectáculo, _Última Dionisíacas_.
NARCO
Hai algo máis de 25 anos os sevillanos Narco revolucionaron o circuito
do punk rock estatal cun proxecto transgresor que se animaba a coquetear
co rap ou a electrónica máis ravera á vez que se posicionaban como
unha das bandas máis explosivas do punk-hardcore estatal. E así seguiu
sendo dende entón. Hai seis anos, tras anunciar a súa disolución, a
banda volveu reunirse e publicaron _Parasitos_, o disco que agora veñen
presentar a Vilaxoán para desparasitar o son do punk do futuro.
MISS BOLIVIA
Referencia fundamental da fusión da música urbana cos estilos de
raíz, combinando a frescura e provocación do dixital coa potencia dos
ritmos e elementos orixinarios, Miss Bolivia chega a Vilaxoán para
presentar en directo o seu novo e recén editado disco, _Bestia_, no que
atravesa os universos do rap, o pop, a cumbia e a música urbana.
MUYAYO RIF
Oito músicos de distintas raíces e moi variadas influencias compoñen
esta banda que naceu hai máis de 10 anos en Barcelona, bebendo da
mestizaxe daquel momento, inspirados por Mano Negra, Dusminguet e Ojos
de Brujo, entre outros. Despois dunha década, varios discos e máis de
500 concertos, Muyayo Rif atópanse posiblemente no mellor momento da
súa historia.
GARCÍA MC & NACIÓN QUILOMBO
Hai uns meses, García MC -unha das figuras icónicas do hip hop galego-
anunciaba a disolución de Nación Quilombo a partir deste 2024. Pero
antes pasarán polo escenario do Revenidas, nun concerto que promete
ser, ademais de histórico, desbordante de emocións. Coma sempre a
partir da súa singular proposta de rap en galego mesturada con
tribalismo mestizo.
LONTREIRA
Un disco bastoulles a Héctor Rodríguez, Adri Cores e Iván Barral para
situarse nunha posición moi vantaxosa na nova escena da música galega.
A formación preséntase neste 2024 renovando tanto o concepto dos seus
concertos como o seu son, agora moito máis electrónico e achegado a
pista de baile. Revenidas será testemuña da proxección que Lontreira
está alcanzar co seu moi persoal proxecto.
EN TOL SARMIENTO (ETS)
En 2021, foron o grupo en euskera máis stremeado en Spotify e seguen a
ser unha das bandas que máis concertos da en Euskal Herria. ETS chegan
por primeira vez a Vilaxoán para presentar en directo o seu último
disco, _Guretzat_, unha aposta na que predomina el pop deixando de lado
calquera tipo de prexuízo musical.
SERIAL KILLERZ
Joe Cabana (DJ) e J Arriola (batería) crearon unha das propostas máis
inusuais do panorama musical buscando sacar o máximo partido ás
mesturas de xéneros aparentemente incompatibles. Poden pasar dun tema
de AC/DC ou Ramones a outro de Nina Simone sen perder a técnica e a
adrenalina que lles caracteriza. Tras dous anos de éxito con máis de
100 concertos e presenzas en festivais como o FIB, Sonorama, ViñaRock
ou Caudal Fest, Serial Killerz chegan este ano ao Revenidas cun formato
cargado de enerxía. Porque só dous poden tamén ser multitude.
A DUENDENETA
A vella furgalla vermella que leva a nosa música por todo país é todo
un clásico do festival de Vilaxoán, ao que leva acudindo dende hai
case unha década. Este ano, no que “a velliña” cumpre 50 anos, non
podía faltar, coas súas festivas e imbatibles sesións a cargo de Kris
K Dj e Carlos Crespo, nas que a música galega goza sempre dun
privilexiado e merecido protagonismo, e con algunha celebración
sorpresa.