La Fúmiga no festival Revenidas 2025 . Candela Lora.

O Revenidas pon á venda os seus abonos fieis

O festival Revenidas, que se celebrará do 10 ao 13 de setembro en Vilaxoán, vén de pór á venda os seus abonos fieis este mesmo sábado día 3 de xaneiro, mesmo antes de dar a coñecer o seu cartel.

Os abonos xa se poden mercar dende ás 12:00 horas deste sábado 3 de xaneiro na web do festival: www.revenidas.com . O prezo dos 500 primeiros abonos é de 55 euros máis gastos de xestión. Os mil seguintes venderanse a un prezo de 60 euros máis gastos de xestión.

Os abonos dan dereito ao acceso ao festival o xoves 10, o venres 11 e o sábado 12 de setembro. As actividades do domingo 13 son gratuítas.

Menores, entrada gratuíta

As persoas que merquen estes abonos tamán poderán reservar xa a zona de acampada do Rial dende a propia web, abonando o suplemento correspondente (15 euros).

Así mesmo, a partir da día 3 tamén será posible facer a recarga previa das pulseiras cashless, con saldos promocionais. As recargas de 20 euros recibirán dous euros a maiores, as de 30 euros bonificaranse con tres euros máis e con sete as de 50 euros.

Os menores de 13 anos poderán acceder ao recinto de xeito gratuíto. Os menores de entre 13 e 17 anos (ámbalas idades incluídas) deberán adquirir unha entrada de persoa adulta.

Aínda que o Revenidas non avanzou aínda ningún dos nomes que conformarán o seu cartel, o festival manterá a súa filosfía de incluir destacadas figuras da escena musical galega, estatal e internacional, tendo moi en conta cuestións como a paridade de xénero ou a presenza de linguas minorizadas. Non faltarán tampouco as actividades paralelas que son parte e historia fundamental do Revenidas como a tradicional sardiñada, a Gala de Circo Solidaria, os concertos a bordo ou o roteiro por Vilaxoán.