O Revenidas completa o seu programa con concertos a bordo de Xabier Díaz, Guadi Galego, Grande Amore e Boyanka Kostova e cun roteiro musicado por Xurxo Souto

O Revenidas completa o seu programa con concertos a bordo de Xabier Díaz, Guadi Galego, Grande Amore e Boyanka Kostova e cun roteiro musicado por Xurxo Souto

As entradas para os concertos a bordo e para asistir ao roteiro estarán dispoñibles en www.revenidas.com a partir do mércores 31 de agosto

O festival de Vilaxoán completa este ano á experiencia Revenidas co desenvolvemento de actividades de promoción de turismo mariñeiro, da man de Turismo Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra. Actividades que conectan coa esencia mesma do festival e que, máis alá dos concertos, supoñen a conexión coa súa orixe e a reafirmación da súa filosofía.

Entre estas actividades, por suposto, figura a sardiñada popular, que foi a que no seu momento deu orixe ao festival. Non en van, en Vilaxoán ás sardiñas asadas chámanlle revenidas. A sardiñada deste ano dará comezo á unha do mediodía do domingo 11 de setembro. O recinto no que se celebrará, como de costume, será o parque de dona Concha, que ese día estará aberto ao público durante toda a xornada. Previo á sardiñada haberá animación a cargo da Louband e un espectáculo teatral. Pola tarde, no mesmo lugar, terá lugar a Gala de Circo e despois os concertos de Caamaño & Ameixeiras, Sés e Ortiga. Todas as actuacións serán de balde.

CONCERTOS A BORDO

Unha das actividades máis singulares e atractivas e das máis queridas polo público que a eles acuden son os concertos a bordo. Nesta edición serán seis os que se celebren. Como sempre a bordo do xeiteiro Chasula e cun aforo máximos de 12 persoas.

Os concertos a bordo deste ano celebraranse o sábado 10 e o domingo 12, tres cada día. Os do sábado terán como protagonistas a Antía Muíño (saída dende o peirao ás 13 h), Xabier Díaz (15 h) e Grande Amore (17 h). Os do domingo serán de Guadi Galego (13 h), Boyanka Kostova (15 h) e Cardalda e Dopico (17 h).

O prezo da entrada para cada un destes concertos a bordo é de 30 euros (inclúe unha degustación de produtos do mar e bebida). As entradas poderán obterse a través da web www.revenidas.com a partir do mércores 31 de outubro.

REDESCUBRE VILAXOÁN

Outra das actividades que forma parte das actuacións de promoción do turismo mariñeiro de Turismo Rías Baixas é «Redescubre Vilaxoán». O cantante e escritor Xurxo Souto, apaixonado e defensor do festival Revenidas e de Vilaxoán, realizará un roteiro musicado polos lugares máis emblemáticos desta vila mariñeira.
O roteiro partirá ás 10.30 h do sábado 10 de setembro. A asistencia ao mesmo é de balde (ata completar aforo) pero require unha inscrición previa que se pode realizar dende a web www.revenidas.com a partir do mércores 31 de outubro.

ENTRADAS E ABONOS

A venda de abonos e de entradas por día para o festival Revenidas 2022 poden adquirirse dende a web www.revenidas.com ou dende as redes sociais do festival.

Desde este mesmo soporte tamén se ofrece a posibilidade de de facer unha carga previa da pulseira cashless.