O festival Revenidas, que se celebrará do 10 ao 13 de setembro, vén de anunciar xs primeirxs artistas que formarán parte da súa programación musical neste 2026. Evaristo, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Ilan Amores, Arrhythmia, Süne e Nadie González son só o inicio do espectacular cartel que se irá completando ao longo dos próximos meses.
A xira extraordinaria de Evaristo, na que interpreta as cancións máis míticas do repertorio das súas bandas, desde La Polla Récords ata Tropa do Carallo, fará unha escala no festival de Vilaxoán. O cantante vasco -aínda que nacido en Tui- é unha das primeiras confirmacións da edición de 2026 do festival de Vilaxoán. Que tamén contará coa presenza de Rebeliom do Inframundo, unha das bandas máis sólidas e respectadas da escena galega actual, que presentará en directo Orgulho, o seu novo disco que se editará a finais deste mes.
Dende Arxentina a Vilaxoán
As dúas primeiras presenzas internacionais confirmadas do Revenidas 2026 chegan dende Arxentina e coa cumbia como son vertebrador. A primeira delas é a de Kumbia Queers, banda feminina que mestura a cumbia, o queer e o espírito punk coa diversión e a política, co seu propio e cativador estilo. A segunda é a de Ilan Amores, músico bonaerense que desafía as etiquetas, fusionando cumbia, rock e punk con bases electrónicas.
O primeiro avance do cartel do Revenidas 2026 tamén acolle a presenza de Süne, artista guipuscoana que presentará en directo un proxecto no que mestura a trikitrixa coa electrónica, e que con só un disco está removendo notablemente a escena musical vasca.
Outras dúas bandas galegas pechan este primeiro avance do Revenidas: Arrhythmia, que volven tras un ano de silencio para estrear en vivo o seu novo traballo, e a rapeira viguesa Nadie González, tamén con novo disco e chamada a actualizar os códigos da nova escena urbana galega.
Os abonos están á venda no apartado de entradas a un prezo de 63 euros (máis gastos de xestión). Tamén se pode reservar xa o acceso á acampada O Rial por un importe de 15 euros durante o proceso de compra. Os menores de 13 anos poderán acceder ao recinto de xeito gratuíto. Os menores de entre 13 e 17 anos (ámbalas idades incluídas) deberán adquirir unha entrada de persoa adulta.
Recargas con bonificacións
As persoas que realicen a súa recarga previa das pulseiras cashless contarán con beneficios promocionais. As recargas de 20 euros recibirán dous euros a maiores, as de 30 euros bonificaranse con tres euros máis e con sete as de 50 euros. Durante o evento, as persoas que obtivesen estas bonificacións deberán gastar todo o importe recargado previamente antes de facer unha nova recarga no festival para poder beneficiarse do saldo extra.