Máis de 28.000 persoas asistiron a unha edición do Revenidas, marcada pola excelencia artística, o seu poder de convocatoria e ausencia deincidentes

A xornada do domingo, coa sardiñada popular, a gala de circo solidaria
e os concerto da tarde, foi a máis multitudinaria que se recorda nos
últimos anos

A organización destaca a vontade de entrega dos grupos, o compromiso
dos traballadores, a acollida dos veciños e o respecto e comportamento
do público asistente

«Nunca se veu algo tan grande nunha vila tan pequena», dixo o
organizador do Revenidas, Xoán Quintáns, na presentación do festival.
E o desenvolvemento, a acollida e os datos de asistencia deste Revenidas
2024, corroboraron a súa afirmación.

Foron 28.000 ás persoas que asistiron aos catro días do festival. En
dúas das xornadas, a do venres e a do sábado, completouse o aforo do
recinto, con 8.500 asistentes en cada unha. A iso hai que sumar ás
6.500 persoas que acudiron o xoves e as 4.500 que se achegaron o
domingo.

Precisamente a xornada do domingo, xa coas portas abertas, foi a máis
multitudinaria que se lembra nos últimos anos. Miles de persoas
congregáronse ao mediodía para desfrutar da tradicional sardiñada
Rías Baixas. A organización dispuxo de 800 kilos de sardiñas asadas
que se esgotaron en apenas hora e media. Despois da sardiñada o
público permaneceu no recinto para asistir a gala de circo e, xa pola
tardiña, aos concertos de Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures, cos que
se pechou o festival.

Máis alá das cifras, os organizadores subliñan o “excepcional
ambiente” que se viviu durante estas catro xornadas no recinto do
festival e no conxunto de Vilaxoán. A mellor mostra tivo lugar o
sábado, unha xornada na que o público encheu o recinto do Revenidas
dende as 12 de mediodía ata pasadas as catro da madrugada.

Os responsables do festival tamén destacan a ausencia practicamente
absoluta de incidentes. Os servizos de emerxencia non tiveron que
intervir salvo nalgún leve corte ou algunha pequena lesión.

A FILLA DO DENTISTA E O NETO DO XASTRE

A organización do Revenidas quere expresar o seu máis sincero
agradecemento aos traballadores do festival (persoal das barras, de
limpeza, de seguridade, produción, técnicos, catering,
comunicación…), polo seu esforzo e o seu compromiso. “Ademais dos
artistas, eles son os principais responsables de que o festival sexa
posible e de que se converta cada ano en algo tan especial”, sinala
Xoán Quintáns, que tamén ten un recordo e un agradecemento especial
para os veciños de Vilaxoán pola súa xenerosidade e pola súa
acollida. “Os veciños de Vilaxoán, coa súa hospitalidade, fan do
Revenidas un marabilloso exemplo de convivencia”.

A conexión do festival coa súa contorna trasladouse tamén nesta
edición aos escenarios. Dous dos músicos que subiron a eles, como son
Catuxa Salom e Rubén García (baixista de Guadi Galego) son,
respectivamente, “a filla do dentista” e “o neto do xastre” de
Vilaxoán

A maiores da súa vertente artística, o Revenidas amosouse de novo como
un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa
contorna. O festival xerou máis de 150 postos de traballo directos, aos
que hai que sumar outras 500 persoas, entre músicos e técnicos.

A organización do Revenidas tamén quere trasladar o seu agradecemento
aos patrocinadores institucionais e privados que fixeron posible a
realización do festival polo seu compromiso co Revenidas, un compromiso
que na maioría dos casos xa se remonta a varios anos e moitas edición.

Dende hoxe mesmo o Revenidas ponse a traballar de cara ao reto de
organizar unha edición no 2025 que estea a altura da que acaba de
rematar e das expectativas que sempre ten o público de cara a este
cita. O organizadores anuncian que revelaran en breve algunhas novidades
respecto ao Revenidas 2025.