Revenidas anuncia as súas actividades paralelas

Como xa é habitual, ademais dos concertos que se desenvolverán nos escenarios Galicia e Vibra Mahou, o Revenidas manterá paralelamente á celebración do festival unha intensa programación de actividades.

Unha delas, que ademais ten por obxecto a promoción de destino turístico que acolle o Revenidas en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra é a celebración de concertos a bordo. Pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do barco Chasula navegando pola ría de Arousa.
O sábado 13 haberá concertos de Uxía (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 h), Xisco Feijoó (15 h) e O Rabelo (17 h). Os concertos a bordo do domingo 15 correrán por conta de Dakidarría en formato “acustiquísimo” (13 h), Budiño (15 h) e Xabier Díaz (17 h).

As entradas para os concertos a bordo Arehucas xa están á venda. O seu prezo é de 30 € (+ gastos de xestión) e inclúe tamén unha degustación de produtos galegos durante a travesía.

SARDIÑADA E GALA DE CIRCO

O domingo é un día grande para o Revenidas xa que é a xornada na que se celebra a gran sardiñada popular que foi a que deu orixe ao festival. A sardiñada Revenidas-Turismo Rías Baixas desta edición terá lugar o domingo 14 no parque de dona Concha e con entrada libre. A partir das 13:30 horas poderanse degustar as que posiblemente son as mellores sardiñas do mundo. Os Terribles de Arousa, As do Xeito e a Mekánika Rolling Band animarán as rúas e a contorna do parque xa dende ás 12.30 h.

Trala sardiñada, ás 17.30 horas, tamén no parque Dona Concha, dará comezo a Gala de Circo Solidaria, con entrada de balde. As aportación voluntarias que se realicen terán como destino a axuda a Palestina. A Gala acollerá unha festiva sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo protagonizados por varios dos nomes máis destacados da escena galega e catalá dos espectáculos de rúa, como é o caso de Peter Punk, Factoría de Subsistencia, Cris Collazo, Sempre Arriba, Sabela Galbán, Sonía García e Pau Segalés.

ROTEIRO E CATAS

Outra das actividades tradicionais que adoita preceder o inicio do Revenidas é o roteiro Redescubre Vilaxoán, guiado por Xurxo Souto, que permite coñecer para coñecer a cultura, a música e a gastronomía da vila que acolle o festival. Nesta ocasión terá lugar o mércores 10 ás 19 horas. A saída é dende o Centro Social e Deportivo de Vilaxoán. A asistencia é de balde ata completar as 40 prazas dispoñibles.

Dende o xoves ata o sábado, o Revenidas tamén ofrece a posibilidade de gozar das Catas dos Sentidos que se desenvolverán no espazo de Paco & Lola no recinto do festival. Os asistentes ás catas recibirán uns auriculares inalámbricos para poder escoitar á perfección as indicacións do sumiller sen que interfira o son dos escenarios.

As Catas dos Sentidos terán lugar o xoves e o venres ás 18.30 horas e o sábado ás 13.30 e 16.30 h. O seu é prezo é de 5 euros (+0,50 de gastos de xestión). As entradas para as catas poden reservarse xa (facendo clic aquí)

PATROCINADORES

O festival Revenidas conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que impulsa experiencias cinco estrelas en torno ao directo.

Revenidas conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo.