Concerto Ses Revenidas 2025

O Revenidas congregou a 25.000 persoas que se viviron momentos épicos e concertos memorables

Comezou chovendo e rematou chovendo. Unha inestable climatoloxía durante toda a fin de semana determinou en parte o desenvolvemento do Revenidas 2025. Sobre todo na xornada do domingo, na que houbo que cancelar, ou mellor dito, pospoñer tanto a Gala de Circo Solidaria como os concertos de Terrae e de Orquestra Bravú Xangai. O resto dos concertos do festival celebráronse tal e como estaban programados e pouco lle importou ao público os momentos puntuais nos que a choiva fixo a súa aparición. Ninguén marchou do recinto, fieis a aquilo que dita a sabeduría popular de que «nunca choveu que non escampara». E, efectivamente, no Revenidas, sempre escampou.

Foron 25.000 as persoas que asistiron aos catro días do festival. En dúas das xornadas, a do venres e a do sábado, completouse o aforo do recinto, con 8.500 asistentes en cada unha. A iso hai que sumar ás 6.500 persoas que acudiron o xoves e as 1.500 que se deron cita durante a mañá e o mediodía domingo.

Loxicamente, a cancelación das actividades previstas para o domingo pola tarde e noite fixo que o cómputo global de asistentes minguara un pouco respecto á edición de 2024, na que se rexistraron 28.000 persoas. Máis alá das cifras, os organizadores do festival subliñan o extraordinario ambiente vivido durante estas catro xornadas tanto no recinto do festival como nas zonas de acampadas e no conxunto de Vilaxoán.

RESPOSTA DO PÚBLICO, GRUPOS E TRABALLADORES

Os organizadores do festival queren subliñar, este ano máis que nunca a resposta e o comportamento do público, que mesmo nos momentos nos a chuvia fixo acto de presenza seguiu bailando e gozando dos concertos, actitude que tamén foi eloxiada publicamente polos grupos que actuaron.

Incontables son os momentos que quedarán na memoria colectiva deste Revenidas 2025. Entre eles, concertos como os de Fermin Muguruza, coa recinto ateigado e o público absolutamente entregado en sintonía coa artista e a súa banda; o de Heredeiros da Crus, de novo -e xa se vai converter en tradición- baixo o orballo; a volta de Riot Propaganda ou a despedida de Lendakaris Muertos, que demostraron que se pode facer un concerto de punk con toda a súa intensidade ás 12.30 do mediodía.

A maiores da súa vertente artística, o Revenidas amosouse de novo como un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa contorna. A organización do Revenidas quere expresar o seu máis sincero e especial recoñecemento aos case 350 traballadores do festival (persoal das barras, de limpeza, de seguridade, produción, montadores, técnicos, catering, merchandising, comunicación…), polo seu esforzo e o seu compromiso.

O Revenidas tamén quere trasladar o seu agradecemento aos patrocinadores institucionais e privados que fixeron posible a realización do festival polo seu compromiso co Revenidas, un compromiso que na maioría dos casos xa se remonta a varios anos e moitas edicións.