XURXO SOUTO ROTEIRO REVENIDAS

HOXE ARRINCAN AS ACTIVIDADES DO REVENIDAS. OS CONCERTOS COMEZAN MAÑÁ XOVES

O roteiro “Re-Descubre Vilaxoán”, guiado por Xurxo Souto, abre hoxe
mércores as actividades do Revenidas

O festival comezará o xoves cos concertos de Lendakaris Muertos ,
Muchachito Bombo Infierno, Dakidarría, The Tyets, Balkan Paradise
Orquestra, Mafalda, Vértebras, Trashtucada e A Duendeneta

As “Catas dos sentidos” de Paco & Lola súmanse as “Experiencias
Revenidas” que se completan co roteiro, a sardiñada do domingo, a
gala de circo solidaria e os concertos a bordo, para os que xa se
esgotaron as entradas

Os abonos e as entradas por día están a venda en www.revenidas.com [1]

Como xa é tradicional, o roteiro por Vilaxoán guiado por Xurxo Souto
marcará hoxe mércores o punto de arranque do festival Revenidas. O
roteiro “Re-Descubre Vilaxoán” partirá ás 19.30 horas do Centro
Social e Deportivo de Vilaxoán para percorrer espazos emblemáticos da
vila como os pazos de Pardiñas e Sobrán (que abrirán as súas portas
para poder ser visitados no seu interior), as pías da salga, o
lavadoiro ou a praza Rafael Pazos. Para amenizar este percorrido Xurxo
Souto contará coa colaboración do gaiteiro Carlos Rey e dalgúns dos
compoñentes da Coral de Vilaxoán.

Serán un máximo de 70 persoas as que poidan participar neste roteiro.
A inscrición segue aberta e é de balde, se ben é preciso reservar
previamente o convite en revenidas.com/roteiro-redescubre.

ESTREA DO DOCUMENTAL DE DAKIDARRÍA

O Revenidas acollerá o venres a preestrea absoluta do documental
“Seguimos en Pé!”, que recolle o concerto especial que Dakidarría
ofreceron no festival de Vilaxoán en 2023, no que participaron máis de
50 artistas convidados, así como outros momentos da xira ‘XX
Aniversario’.

A proxección do documental terá lugar ás 13h do venres no Centro
Sociocultural e Deportivo de Vilaxoán e contará con varios dos
compoñentes do grupo que charlarán co público e comentarán
curiosidades da película. A preestrea rematará cun pequeno concerto en
acústico de Dakidarría.

A entrada, tanto para a proxección como para o concerto, é de balde
ata completar aforo.

CATA DOS SENTIDOS

As “Catas dos sentidos” de Paco & Lola veñen a sumarse  as
“Experiencias Revenidas” que se completan co roteiro guiado, a
sardiñada do domingo, a gala de circo solidaria e os concertos a bordo,
para os que xa se esgotaron as entradas.

As catas terán lugar, no propio recinto do festival, o xoves o venres
ás 18.30 h e o sábado ás 13.30 e 16.30 h. Poderán participar nelas
un máximo de 20 persoas en cada unha. Os participantes poderán
desfrutar, con cascos inhalámbricos, dunha cata de viños Paco&Lola
comentada por técnicos da bodega.

Os pases para as catas teñen un prezo de 4 euros (+gastos de xestión)
e poden mercarse en https://revenidas.com/cata-dos-sentidos.

PRIMEIRA XORNADA DE CONCERTOS

A Duendeneta será, o xoves, a partir das 18h a encargada de facer soar
as primeiras notas musicais do recinto do Revenidas 2024. Carlos Crespo
e Kris K Dj animarán os primeiros intres do festival, dende a apertura
de portas ata o comezo do primeiro dos concertos, o de Vértebras, dúo
de hip hop feminista e comprometido que forman as viguesas Ika Suversiva
e Amari. O segundo dos concerto, a partir das 19.20 h, terá como
protagonistas a The Tyets, un dúo de Mataró que coa súa proposta de
“trapetón” converteuse no primeiro grupo que canta en catalán con
máis dun millón de oíntes ao mes en Spotify. Ás 20.30 h actuarán
Balkan Paradise Orchestra, ás 21.30 h haberá unha nova sesión da
Duendeneta e ás 22 h comezarán Lendakaris Muertos, un dos grandes
nomes propios do punk estatal. Os valencianos Mafalda, que este ano
anunciaron a súa disolución, ofrecerán no Revenidas o seu derradeiro
concerto en Galicia a partir das 23.20 h. Tras eles, ás 00.25 h, será
a quenda de Muchachito Bombo Infierno, quen sube por ver primeira ao
escenario de Vilaxoán. O penúltimo concerto do xoves será, ás 01.50
h, o de Trashtucada, un septeto que mestura rock, reggae e ska. A
primeira xornada do Revenidas rematará cunha actuación de Dakidarría
a partir das 02.50 h.

ABONOS, ENTRADAS E ACAMPADA

Os abonos para os catro días do Revenidas 2024 están á venda na
páxina web www.revenidas.com [2] a un prezo de 63€ (+gastos de
xestión).

As entradas para o xoves teñen un prezo de 33€ (+gx) e as do venres e
as do sábado, 38€ (+gx).

Os menores de 13 anos teñen acceso gratuíto.

As persoas que merquen o abono poderán reservar na web o acceso á
acampada por un importe de 10 euros.

HORARIOS XOVES 12
18.00: A Duendeneta
18.30: Vértebras (Escenario Vibra Mahou)
19.20: The Tyets (Escenario Galicia)
20.30: Balkan Paradise (Escenario Vibra Mahou)
21.30: A Duendeneta
22.00: Lendakaris (Escenario Galicia)
23.20: Mafalda (Escenario Vibra Mahou)
00.25: Muchachito Bombo Infierno (Escenario Galicia)
01.50: Trashtucada (Escenario Vibra Mahou)
02.50: Dakidarría (Escenario Galicia)

INFO GRUPOS

DAKIDARRÍA

Tralo monumental e histórico concerto do ano pasado, no que subiron a
50 músicos ao escenario, e que quedou recollido no seu disco _XX_,
Dakidarría retornan ao Revenidas para facer o que mellor saben:
prenderlle lume ao ambiente cunha imbatible colección de himnos que o
persoal baila e corea sen descanso.

TRASHTUCADA

Banda de rock de Chiclana de la Frontera, formada en 2003. Co seu estilo
enérxico e fusión de rock, punk e ska, establecéronse como unha forza
importante na escena musical. Desde os seus comezos, tocaron en
numerosos festivais españois, entre eles o Viña Rock, gañándose unha
extraordinaria reputación, sobre todo polo seu enérxico directo.

MUCHACHITO BOMBO INFIERNO

Jairo Perera Muchachito domina a linguaxe da rumba catalá e expándea e
amplifícaa con  arranxos para escribir cancións que fotografan
situacións cotiás. Formou parte daquela corrente musical bautizada
como Mestizaxe que xurdiu na Barcelona postolímpica e dende que en 2004
emprendeu a súa carreira como Muchachito non deixou de ser unha
referencia para o xénero, cun número incontable de hits que todo o
mundo coñece.

MAFALDA

A finais de 2023 o grupo valenciano de pop punk e rock anunciaba que
deixaba a música cunha xira final, _El último grito_. E Mafalda
escolleron o festival de Vilaxoán para a que será a súa derradeira
actuación en Galicia. A súas letras reivindicativas e feministas e
cancións como “Necesarias pero absurdas”, “En guerra” ou “La
llorona” quedarán sempre na nosa memoria. E máis, seguro, despois
desa derradeira escoita.

LENDAKARIS MUERTOS

Así veñan cen veces, cada visita de Lendakaris Muertos ao Revenidas é
todo un acontecemento. Poucas bandas gozan dunha parroquia tan fiel e
entregada como os navarros. E eles, por suposto, corresponden con
creces. Lendakaris seguen a ser un dos grandes nomes propios do punk
estatal. Do punk ortodoxo e vertixinoso. Deslinguado, provocador e
gamberro. Acelerado, irónico e sempre comprometido. Auténticos
depositarios do imperecedoiro espírito da vella garda punkarra. E o seu
último disco, _Mucho asco (casi) todo_ [3], publicado este mesmo ano e
que veñen a estrear en directo en Galicia é a mellor testemuña.

BALKAN PARADISE ORCHESTRA

Son un grupo único na súa especie. Unha formación composta por 10
instrumentistas femininas de vento e percusión que lle dá un aire
fresco e alegre ao panorama das fanfarrias. A pesar de tomar como punto
de partida os sons de raíz balcánica, as súas composicións mesturan
distintos ritmos e tradicións do mundo, obtendo como resultado unha
música ecléctica e festiva. O vindeiro mes de marzo as barcelonesas
publicaran o seu novo disco, _Nèctar_ e iniciaran unha xira
internacional que en setembro fará escala en Vilaxoán.

THE TYETS

Cun novo estilo debaixo do brazo, o “trapetón”, e unhas letras
cómicas e cotiás que están a enganchar a toda unha xeración chegan
estes dous rapaces dende Mataró. Mesturan trap, reguetón, ritmos
latinos e influencias pop. En Cataluña son un auténtico fenómeno ata
o punto de que grazas ao fenómeno do seu viral sinxelo _Coti x Coti_
convertéronse no primeiro grupo catalán en superar o millón de
oíntes mensuais en Spotify.

VÉRTEBRAS

Un só disco, _42 gramos_, publicado este mesmo ano serviu para chamar
poderosamente a atención sobre este dúo con base en Vigo, formado por
Amari e Ika Subversiva. Vértebras transcenden das fronteiras do hip hop
para presentar unha proposta musical cunha profunda carga de compromiso
que transita desde o «boom bap» incandescente á rave máis vibrante.
O Revenidas é unha extraordinaria ocasión para coñecer e desfrutar do
seu impetuoso directo.

A DUENDENETA

A vella furgalla vermella que leva a nosa música por todo país é todo
un clásico do festival de Vilaxoán, ao que leva acudindo dende hai
case unha década. Este ano, no que “a velliña” cumpre 50 anos, non
podía faltar, coas súas festivas e imbatibles sesións a cargo de Kris
K Dj e Carlos Crespo, nas que a música galega goza sempre dun
privilexiado e merecido protagonismo, e con algunha celebración
sorpresa.