Sumaranse ademais Rebeliom do Inframundo, que realizarán un concerto especial con artistas convidados
De Ninghures e Catuxa Salom serán os protagonistas dos concertos Vibra Mahou
García MC & Nación Quilombo, Muyayo Rif, Trashtucada, Mekanika Rolling Band, Uxía Lambona e A Banda Molona, La Yaya Dj e A Duendeneta completan o cartel desta edición do festival das linguas
O festival celebrarase en Vilaxoán do 12 ao 15 de setembro. Os abonos están á venda en revenidas.com a un prezo de 63€ (+gastos de xestión). Dende hoxe tamén se poden mercar as entradas por día
O Revenidas 2024 pecha o seu cartel con novas e destacadas incorporacións. Entre elas destacan figuras internacionais como Miss Bolivia, que chega a Vilaxoán para presentar en directo o seu novo disco, Bestia, publicado o pasado mes de marzo. Tamén é sobresalinte a incorporación de Muchachito Bombo Infierno, unha figura esencial na escena española da música de mestizaxe neste século, os dúo de Mataró The Tyets, que coa súa proposta de “trapetón”, converteuse no primeiro grupo que canta en catalán con máis dun millón de oíntes ao mes en Spotify. Tamén dende Cataluña, nesta caso dende Cornellá de Llobregat chegan Muyayo Rif, oito músicos capaces de fusionar nun estilo propio punk, ska, reggae, latin e rock.
Dende Valencia chega Xavi Sarriá, o que fora líder dos míticos Obrint Pas, para ofrecer o que será o seu derradeiro concerto en Galicia antes da súa retirada. E de Chiclana (Cádiz) procenden Trashtucada, un septeto que mestura rock, reggae e ska.
A xa notable presenza galega nos avances do cartel do Revenidas reforzase agora co anuncio do concerto especial “Rebeliom do Inframundo é un movemento”, no que a banda estará acompañada dun nutrido grupo de artistas convidados. Tamén estarán presentes en Vilaxoán Dakidarría, García MC & Nación Quilombo, Mekanika Rolling Band, Uxía Lambona e A Banda Molona, La Yaya Dj e A Duendeneta.
De Ninghures e Catuxa Salom súmanse ao cartel de Revenidas 2024 co Concierto Vibra Mahou. As dúas formacións foron seleccionadas a través do acordo de colaboración establecido entre a cerveceira e a Fundación Paideia Galiza, co obxectivo de apoiar o talento e impulsar proxectos musicais incluídos dentro dos programas de aceleración promovidos pola fundación.
Revenidas conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros en torno ao directo.
Nas vindeiras semanas o Revenidas anunciara as actividades complementarias que se realizan coa colaboración de Turismo Rías Baixas, como son os concertos a bordo, a gala de circo e os roteiros por Vilaxoán.
Tamén nas vindeiras semanas, varias salas de concertos da ría de Arousa acollerán distintas festas de presentación do festival Revenidas 2024.
ABONOS, ENTRADAS E ACAMPADA
Os abonos para os catro días do Revenidas 2024 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 63€ (+gastos de xestión).
Dende hoxe están tamén á venda as entradas por día. As primeiras 500 venderanse a un prezo de 33€ (+gx) as do xoves e 38€ (+gx) tanto as do venres como as do sábado.
As persoas que merquen o abono poderán reservar na web o acceso á acampada do Rial (a piques de agotarse) por un importe de 10 euros.
Ante a boa venta e a gran demanda de acampada, Revenidas creará de novo outra zona de acampada na Pelada, e dende xa os compradores de entradas de día e dos abonos, poderán reservar o seu espazo na mesma.
A xornada do domingo na que se celebará a tradicional sardiñada popular, simbolo do festival, será con entrada gratuíta.
O Revenidas, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, tamén ofrece 200 abonos cun 15% de desconto aos mozos e mozas titulares do Carné Xove.
MISS BOLIVIA
Referencia fundamental da fusión da música urbana cos estilos de raíz, combinando a frescura e provocación do dixital coa potencia dos ritmos e elementos orixinarios, Miss Bolivia chega a Vilaxoán para presentar en directo o seu novo e recén editado disco, Bestia, no que atravesa os universos do rap, o pop, a cumbia e a música urbana.
MUCHACHITO BOMBO INFIERNO
Jairo Perera Muchachito domina a linguaxe da rumba catalá e expándea e amplifícaa con arranxos para escribir cancións que fotografan situacións cotiás. Formou parte daquela corrente musical bautizada como Mestizaxe que xurdiu na Barcelona postolímpica e dende que en 2004 emprendeu a súa carreira como Muchachito non deixou de ser unha referencia para o xénero, cun número incontable de hits que todo o mundo coñece.
THE TYETS
Cun novo estilo debaixo do brazo, o “trapetón”, e unhas letras cómicas e cotiás que están a enganchar a toda unha xeración chegan estes dous rapaces dende Mataró. Mesturan trap, reguetón, ritmos latinos e influencias pop. En Cataluña son un auténtico fenómeno ata o punto de que grazas ao fenómeno do seu viral sinxelo Coti x Coti convertéronse no primeiro grupo catalán en superar o millón de oíntes mensuais en Spotify.
XAVI SARRIÀ
Tras 30 anos de traxectoria, boa parte deles á fronte da mítica banda Obrint Pas, Xavi Sarriá anunciou este ano un parón indefinido na súa carreira. Polo tanto, a súa escala no Revenidas será a derradeira ocasión para escoitar as súas cancións, sempre cargadas de letras reivindicativas, compromiso político e cultura popular. O músico valenciano presentarase en Vilaxoán á fronte dunha poderosa banda eléctrica e o seu particular son, con ecos da tradición mediterránea mesturados con rock, ska e reggae.
TRASHTUCADA
Banda de rock de Chiclana de la Frontera, formada en 2003. Co seu estilo enérxico e fusión de rock, punk e ska, establecéronse como unha forza importante na escena musical. Desde os seus comezos, tocaron en numerosos festivais españois, entre eles o Viña Rock, gañándose unha extraordinaria reputación, sobre todo polo seu enérxico directo.
MUYAYO RIF
Oito músicos de distintas raíces e moi variadas influencias compoñen esta banda que naceu hai máis de 10 anos en Barcelona, bebendo da mestizaxe daquel momento, inspirados por Mano Negra, Dusminguet e Ojos de Brujo, entre outros. Despois dunha década, varios discos e máis de 500 conciertos, Muyayo Rif atópanse posiblemente no mellor momento da súa historia.
REBELIOM DO INFRAMUNDO
A piques de poñer punto final a súa xira Amor ou Barbarie, a banda viguesa fará no Revenidas un concerto único e especial, que batizaron como Rebeliom do Inframundo é un movemento, no que contarán cun importante plantel de artistas convidados.
DAKIDARRÍA
Tralo monumental e histórico concerto do ano pasado, no que subiron a 50 músicos ao escenario, e que quedou recollido no seu disco XX, Dakidarría retorman ao Revenidas para facer o que mellor saben: prenderlle lume ao ambiente cunha imbatible colección de himnos que o persoal baila e corea sen descanso.
DE NINGHURES
O que posiblemente é o grupo revelación en Galicia neste 2024 non podía faltar no Revenidas. Chegan da man dos Concertos Vibra Mahou. Eles defínense coma uns rapaces dos anos 90 que creceron escoitando a grupos como Berrogüetto, Milladoiro e infinitas cancións de infinitos estilos musicais. Por iso, defenden a música feita de raíz e a creación contemporánea que pon en valor a tradición. Teñen os pés na terra pero a súa mirada é completamente global. O seu hit, Morena, é a mellor proba disto.
CATUXA SALOM
Vilagarciana con raíces arxentinas, chega ao Revenidas tamén da man dos Conciertos Vibra Mahou. A súa proposta musical nace precisamente da fusión das súas dúas culturas, a galega e a latinoamericana. Tras pasar por varios grupos no 2022 lanzou o seu propio proxecto, co que publicou o seu primeiro disco, Nunha aldea, que xa presentou en numerosos escenarios de Galicia e de fóra dela. Por fin chégalle a quenda ao Revenidas.
GARCÍA MC & NACIÓN QUILOMBO
Esta mesma semana, García MC -unha das figuras icónicas do hip hop galego- anunciaba a disolución de Nación Quilombo a partir deste 2024. Pero antes pasarán polo escenario do Revenidas, nun concerto que promete ser, ademais de histórico, desbordante de emocións. Coma sempre a partir da súa singular proposta de rap en galego mesturada con tribalismo mestizo.
MEKANIKA ROLLING BAND
Revolucionaron o mundo da charanga cunha proposta tan dinámica como atractiva. Cun escenario rodante cheo de son e artificios e un feixe de experimentados músicos capaces de levar ao terreo da festa rachada calquera canción de prácticamente calquera estilo.
LA YAYA DJ
O que comezou coma unha afección pinchando música converteuse pouco a pouco nunha maneira de espallar as ideas dunha persoa comprometida co país, coa lingua, coa cultura e con diversos movementos sociais, con especial mención ao movemento feminista. Tralo seu paso por numerosos festivais, La Yaya segue botando semente nos distintos campos da festa combinando música reivindicativa, música de onte e de hoxe, música tradicional galega e música actual.
A DUENDENETA
A vella furgalla vermella que leva a nosa música por todo país é todo un clásico do festival de Vilaxoán, ao que leva acudindo dende hai case unha década. Este ano, no que “a velliña” cumpre 50 anos, non podía faltar, coas súas festivas e imbatibles sesións a cargo de Kris K Dj e Carlos Crespo, nas que a música galega goza sempre dun privilexiado e merecido protagonismo, e con algunha celebración sorpresa.